«Os coches amarelos», de Marta Villar

Xosé M. Varela

MALPICA DE BERGANTIÑOS

27 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Para nós é motivo de festa sermos testemuña do bautismo literario dunha nova narradora do país bergantiñán.

Prestóuchenos ben a lectura de Non temerás os coches amarelos (Xerais, 2023) da malpicá (Leiloio) Marta Villar. Sen dúbida, herdeira de grandes voces de noso como X. A. Pet Posse, Xurxo Borrazás, Miguel A. Mato Fondo ou Suso Lista, entre outros, aínda que ela amose devoción por Vázquez Montalbán.

Debuta no mundo da novela (longa) cun libro valente e arriscado. Valente polo tratamento da temática feminista que podería derivar nun volume panfletario. Arriscado porque na disposición da historia foxe dun discurso lineal e aposta por saltos temporais que retan o lector menos experimentado. Reto tamén para ela, quen, á hora de poñerlle solfa a esta partitura, tivo que botar moito ollo para que ningún dos seus músicos desafinase.

Sen ser esta unha novela autobiográfica, vemos como os espazos vitais da autora determinan toda a acción na que se move a protagonista, Dina Souto Vello. Aquí hai moito de Bergantiños, como o mundo da aldea e casa de nacenza ou montes míticos coma o Neme, que posúe importancia estrutural no relato. Preséntasenos un rural ateigado de rica identidade pero en transo de esfarelamento.

Acoso á protagonista

Compostela, aínda que con escasa presenza, marca un dos puntos de inflexión do relato ao presentar un agresivo acto de acoso á protagonista, daquela nos seus anos de formación universitaria na facultade de Xornalismo.

A cidade da Coruña centra o tempo do desenvolvemento profesional de Dina Souto como bolseira e contratada no periódico Faro de Galicia. Con mestría, Marta Villar lévanos da man polas tripas da redacción dun xornal e as profundas relacións de redactores e xefes. Partes da novela case poderían ser un manual de como funciona o corazón das noticias en papel case en perigo de extinción hoxe en día.

Saltos no tempo

Pese ás máis de 300 páxinas do libro, a exposición do relato con continuos saltos no tempo e o amplo elenco de personaxes secundarios que arrodean a Dina Souto, este é un volume de moi boa lectura e lingua coidada.

Nos seus 59 capítulos, Marta Villar alterna uns de case tres páxinas con outros de maior corpo. Pero todos eles amosan tal mestría na elaboración das escenas que, xunto coa propia arquitectura da novela, son para nós dous dos grandes acertos da mesma. Neses vaivéns do tempo narrativo Marta Villar acode en moitas ocasións á elipse para que o lector se faga partícipe da construción do relato. Mais hai unha que non somos quen de lle perdoar.

No capítulo A Malpica hai que ir, non queda de paso, Dina Souto concerta con Mauro, café por medio no Lavazza, pediren día libre os dous no traballo para realizaren unha escapada por Malpica. Durante a lectura do mesmo rebulíannos no maxín os espazos malpicáns que serían visitados pola parella. Mais a autora deixounos co mel nos beizos. Menos mal que nese mesmo capítulo nos brinda unha ampla antoloxía do idioma malpicán. Xa sabedes, aquel de expresións como che, campal, matarial, atalora, si a, non a... Outra non lla pasamos!

Con Non temerás os coches amarelos Marta Villar entrou con moi bo pé no terreo da narrativa galega. Cada personaxe, por moi secundario que sexa, conta coa súa propia historia (pequena ou grande), pluralidade temática determinada polo feminismo e mestría na construción arquitectónica dunha novela longa. Agardamos máis que con impaciencia a súa próxima colleita literaria.