«Sen investigación non se fai nada contra o cancro»

M. López, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A xunta local malpicá contra o cancro promove para este domingo unha nova edición da súa andaina solidaria, tal e como explica Carmen Teresa Blanco, a presidenta da entidade

12 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

No alto de Santo Hadrián, ao ritmo das regueifas de Lupe Blanco e dos acordeóns de Baio, culminará unha nova edición da andaina solidaria que promove a xunta local malpicá contra o cancro. O obxectivo é o mesmo que o de tódalas iniciativas que promoven ao longo do ano: recadar fondos para a investigación desta enfermidade. «Sen investigación non se fai nada», comentaba estes días Carmen Teresa Blanco, presidenta da entidade, en Radio Voz Bergantiños.

A cita, explicou, será este domingo, con saída ás dez e media da mañá da praia de Area Maior. Onte, a falta de varios días para a celebración da actividade, había xa 310 persoas inscritas, pero agárdase que, se o tempo acompaña, se supere amplamente a cifra. «Na anterior edición, o mesmo día anotáronse outras trinta persoas máis. A xente é moi solidaria, e iso que hai excursións e outras actividades por estas fechas tamén!», indicaba Carmen Teresa.

Son apenas cinco euros os que han de aportar os adultos que participan nesta camiñata, tres no caso de tratarse de nenos ata os 12 anos de idade. «É unha cantidade pequena, pero se vamos sumando cinco euros, e outros cinco, e outros cinco... Ao final xuntamos unha boa cantidade para a investigación, que é o máis importante», sinalou a presidenta da entidade benéfica, nacida fundamentalmente para a recadación de fondos, pero tamén para a concienciación e o acompañamento de pacientes oncolóxicos e familiares.

E non só dende a xunta provincial, que capitaliza a maior parte dos servizos, senón tamén dende as agrupacións locais, que promoven actividades durante todo o ano. No caso de Malpica, unha das últimas en celebrarse foi unha charla sobre a importancia da actividade física en enfermos de cancro e persoas maiores. Ademais da técnica María Varela Bardanca, desprazouse ata a localidade Inés López, fisioterapeuta da AECC, e resultou ser unha xornada moi produtiva á que se sumou numeroso público. «As cousas que se fan contra o cancro espertan moito interese na xente. Implícanse moito», sinalou Carmen Teresa.

Unha implicación que poderá verse reforzada este domingo coa compra de produtos promocionais da AECC. Avanzou a presidenta que terán paraugas, chuvasqueiros, mochilas, riñoneiras... «Un pequeno Corte Inglés para recadar todo o que se poida», bromeou.