O cancioneiro de Buño

Eduardo J. Parga Veiga

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Eduardo Parga, alcalde
Eduardo Parga, alcalde BASILIO BELLO

07 ago 2022 . Actualizado a las 02:24 h.

Foi un pracer e unha honra participar na presentación do Cancioneiro de Buño no marco incomparable da 38 edición da Mostra da Olaría.

Cualificamos este libro como verdadeira xoia. Alfaia composta polos vimbios da lírica popular pero tamén pola arte das sabias mans dos nosos oleiros. Tanto a portada, como o interior ou a contraportada son sinal da creatividade que pervive aínda na vila oleira de Buño. Imaxes preciosas dos nosos oleiros en activo e tendas que hai que ver en primeiro plano mais tamén na riqueza estética que se esconde como pano de fondo de cada fotografía. O responsable de toda esa fermosura foi o antigo mestre do colexio Joaquín Rodríguez Otero, Antonio Fernández.

A principios do século XX, unha mociña de 17 anos, Dolores Cancela Pérez, coñecida por Dolores de Margarita, serviulle de informante a un grupo de investigadores da Real Academia Galega que andaban ás cantigas por Galicia adiante. Buño tivo a sorte de ser unha das súas paradas. A fornada foi máis que boa. Rescataron do esquecemento 84 coplas populares que falan da nosa maneira de ser en toda a súa amplitude. O traballo de edición destes textos correu a cargo do noso veciño Xosé Manuel Varela.

A nosa literatura popular, a música e o baile tradicional distingue o noso territorio respecto doutros da comarca e mesmo de Galicia. Vemos desde hai tempo que as nosas músicas e os nosos bailes son interpretados polas máis importantes agrupacións folclóricas do país.

O Concello de Malpica iniciou accións imprescindibles para promover este noso sinal de identidade co apoio aos libros Pandereteiras de Mens de Beatriz Busto Miramontes e O infinito no pé. Ribeirana de Serxio Cobos e Eva Moreda. Proseguiu coa apertura da sala Non canto por cantar no Centro de Artesanía e Tradición. E agora con este Cancioneiro de Buño, que supón, despois de máis de 100 anos, o rescate da primeira recolleita de poesía popular no noso concello.

Non esaxero se digo que en cada casa de Buño, e tamén de Malpica de Bergantiños, debería haber un exemplar deste Cancioneiro porque nel se ofrece un anaquiño da nosa cultura, das nosas raíces e da nosa maneira de ser.

Parabéns á familia de Dolores Cancela Pérez, aos autores, a Edicións Embora e á Asociación Oleira por agasallarnos con esta marabilla para degustar no tempo que nos resta de verán.