«Carrexadoras», pintura e mundo de Viki Rivadulla en Malpica 

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Inaugurada no centro cívico unha mostra da artista muxiá, visitable ata finais de xuño

22 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

As carrexadoras arrastran o mundo todo nas súas redes, ou lévano cargado nos seus mulidos. Elas trazaron os camiños cos seus pés, alí onde non había camiño (...)

Anos 20. Victorina, muxiá, colleu o seu mundo todo, os seus fillos, derrubou o muro da súa casa e marchou a pé cara a Coruña. «Escapou do horror e dunha vida que non tiña que vivir», dixo Viki Rivadulla. Unha muller brava, «inspiración sempre», que nese carrexar vital, acabou asentando en Malpica. A Victorina, irmá da súa bisavoa María do Casino, é a quen Rivadulla lle dedica a exposición pictórica Carrexadoras que o venres inaugurou no centro cívico de Malpica. Victorina representa os lazos familiares que unen a Viki a Malpica. Mais tamén hai lazos de amizade: Paco Souto, poeta e percebeiro falecido: «Sempre agarda por min cando entro aquí». Tamén para el vai esta mostra.

ANA GARCIA

A vida nas cabezas, nos ombros. Convois silenciados. «As mulleres somos todas carrexadoras». Tempos chegados de facer xustiza, de non levar enriba das costas máis peso que o da liberdade, escribiu Viki. A muxiá estivo acompañada nesta inauguración, parte do programa Malpica nun mar de Letras 2022, pola edila Noelia Freijeiro e tamén polo poeta pontecesán Miguel Mato. Non puido estar Emma Abella, compañeira de Souto, por un compromiso co alumnado.

Freijeiro deulle a benvida a Rivadulla e ás súas obras, «unha mostra do seu moito traballo», agradeceu á artista á súa dispoñibilidade. Mato, como a propia creadora, falou do «pracer» que é ir a Malpica. Tivo el palabras para ese galardón que a muxiá vén de recibir da Fundación Pondal: o título de Boa e Xenerosa. «A Viki isto vaille como un smoking ético», dixo Mato.

ANA GARCIA

Abundou asemade na dimensión artística e intelectual de Rivadulla: «A obra pictórica de Viki conmóveme». Hai orixinalidade plástica, estética: «A autora é o estilo». Unha simbiose entre as obras e todo o que Viki é, as súas ideas, a súa visión do mundo, a súa reivindicación da muller e dun mar de condicións dignas. Elixiu Mato poemas de Souto, os emblemáticos de Galiza en paxes. Carrexadoras poderá visitarse ata finais de xuño, e inclúe sorpresa, as ilustracións orixinais de Viki para a obra E Caín, do propio Souto.

ANA GARCIA