O recuncho de Fernando Cabeza Quiles | O cume do Monte Neme

fernando cabeza quiles EXPERTO EN TOPONIMIA, ESCRITOR

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Dende aquel día sinto unha atracción irresistible polo cumio do monte ao que acudo, guiado por unha man misteriosa, todas as semanas....

01 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Descubrín o meu atípico e aéreo recuncho hai preto de 45 anos, cando cheguei ao misterioso país de Bergantiños, atraído por unha linda noiva carballesa de ollos verdes, herdanza dos seus devanceiros da tribo celta dos brigantinos. Viñamos de Malpica nun Seat seiscentos e a miña noiva celta pronunciou a palabra Neme, sinalándome a silueta dunha enigmática montaña cuberta no seu cume por unha mesta boina de nubes.

De seguido un servidor tivo unha especie de revelación máxica e caeu, como fixo san Paulo, do cabalo. No meu activado caletre, que botaba fume, imaxinei, influído pola mirada verde da miña amada, que o de Neme tiña que ser un nome de lugar celta creado polos antigos brigantinos.

Dende aquel día sinto unha atracción irresistible polo cumio do monte ao que acudo, guiado por unha man misteriosa, todas as semanas, para escoitar, como diría san Juan de la Cruz, el silbo del aire e para falar cos devanceiros brigantinos, que me informan (non me descubran) do significado dos topónimos celtas máis difíciles e antigos, cuxas explicacións eu poño despois nos meus libros trampeando para que parezan o produto das miñas «sisudas» explicacións toponímicas.