Suso Martínez: «O mundo de Urbano Lugrís é fascinante»

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Martínez, en Malpica, diante dunha obra de Lugrís
Martínez, en Malpica, diante dunha obra de Lugrís Ana Garcia

Historiador, guía e intéprete, conducirá cada domingo, dende este mesmo, unha visita teatralizada pola vila malpicá

21 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende este domingo, e durante todos os de agosto, mínimo, o historiador, guía e actor Suso Martínez (1976) conducirá en Malpica un percorrido «en clave lugrisiana», para grupos de vinte persoas. Serán de balde, ás 19.00 horas e con inscrición no 981 720 001 ou en turismo@malpicadebergantinos.es. Así o deu a coñecer este martes na compaña do alcalde, Walter Pardo, e o edil de Turismo, Alfredo Cañizo. Martínez di que se sente moi identificado co que lle ocorreu a Urbano Lugrís no seu día: un «coruñesito» que xa coñecía a vila das Misións Pedagóxicas, pero que se mergulla nela en profundidade a partir do 1955-1956, cando o contratan dende a confraría para decorar o que hoxe se chama Casa do Pescador, e mentres fai iso se aloxa nunha pensión da vila. Descobre a vida nocturna de tazas mariñeiras, de cantarelas nos bares... «Eu tamén son un coruñesito, agora contrátame o Concello e xa me puiden perder polas rúas da Atalaia... Estou moi feliz. É das visitas máis atractivas que levo feito», abunda Suso. 

Presentación, este martes, das visitas teatralizadas, co alcalde e o edil de Turismo
Presentación, este martes, das visitas teatralizadas, co alcalde e o edil de Turismo Ana Garcia

-Que pensou para esta vila? 

-A Bergantiños téñolle un amor especial, veño aquí cada certo tempo a facer do gran bate, de Pondal. Mais neste caso serame un sitio diferente, Malpica, e farei o que eu chamo unha visita máxica, de en torno a hora e media. Urbano Lugrís é o pintor da maxia, da Atlántida, dos mundos submariños, o pintor dos celtas. Fillo de Manuel Lugrís, o último grande amigo de Pondal, na casa de Urbano falábase de Breogán, dos celtas... Era un lector fanático de Verne, de aí que ese mundo máxico escondido debaixo do mar sexa unha icona na súa obra. Nesta visita contarei contos mareiros, sagas mariñeiras heroicas... e todo iso tendo como escenario unha vila pequeniña e doada de percorrer, pero tamén laberíntica, para perderse con estas historias das profundidades.

-Que espazos transitarán?

-O punto de encontro será a praza Anselmo Villar Amigo, onde xa falaremos da importancia dos galegos emigrados a América. O propio pai de Urbano foi un deles. A miña idea é que sexa unha visita intensa, coa xente metida nunha especie de submarino ou mundo insondable dende o minuto un. Buscando o mar, baixaremos á praia Area Maior, pasando por sitios como o vello Bar Novo ou a Casa da Checa. Iremos á Casa do Pescador, o museo por excelencia da obra mariñeira de Lugrís. A disposición do grupo haberá algo exclusivo, o salón da confraría, cos cinco murais que pintou o artista. Iso, para min, a nivel de guía, é impresionante. Serpentearemos logo o barrio da Atalaia, onde hai casas que conservan ósos de baleas como vigas, e remataremos avistando as Sisargas, evocando a Santo Hadrián e a Breogán...