Malpica, unha das capitais da arqueoloxía na Costa da Morte

Xosé Varela

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

NO CONFÍN DOS VERDES CASTROS | Escribe Xosé Manuel Varlela | Se botamos unha ollada ao conxunto das súas sete parroquias, cremos que é o único territorio destas comarcas atlánticas que conta con pegadas das catro grandes etapas arqueolóxicas

19 jul 2021 . Actualizado a las 17:28 h.

Malpica de Bergantiños é unha das grandes capitais da arqueoloxía da Costa da Morte. Se botamos unha ollada ao conxunto das súas sete parroquias, cremos que é o único territorio destas comarcas atlánticas que conta con pegadas das catro grandes etapas arqueolóxicas. Dos primeiros poboadores encontrou Xosé Ramón Vidal Romaní uns cantos rodados nas ribeiras do monte de Santo Hadrián; feito este que case ninguén coñece. Son os máis antigos elementos arqueolóxicos catalogados de Malpica.

Do Megalitismo hai mostras esparexidas por todo o territorio malpicán. Podemos establecer catro áreas con xacementos megalíticos. A de menor número de túmulos, con dous, é a da Feira Nova en Leiloio. Na liña da aldea das Casas do Monte ata a de Río de Vaa hai catalogadas catro mámoas. Unha área megalítica sorprendente é a do monte Nariga. No espazo do menhir do Fuso da Moura, labores de pradería desfixeron dúas mámoas. Nelas encontráronse fragmentos cerámicos. Son os segundos restos máis antigos catalogados de Malpica de Bergantiños e os únicos estudados desa época. En Entremilleiras, con todo o val de Salagia á vista, xunto coas comarcas de Bergantiños, Soneira aos pés e todo o arco ártabro na ollada, consérvanse por fortuna dúas mámoas de altura dispar. Á beira da vella capela de San Nicolás está escondida pola vexetación a mámoa das Lamas. A gran xoia de Nariga é a mámoa da Ferradura. Visitable na actualidade por corredoiras con rodeiras de carro centenarias gravadas en pedra. Conserva varios dos seus ortostatos en granito branco tanto da cámara como do corredor e pedras da coiraza. Esta mámoa, ou dolmen desfeito, temos que relacionala cunha das lendas do Apóstolo Santiago que hai en Nariga. Nunha gran laxe próxima, cuberta pola vexetación, está a pegada do cabalo branco de Santiago. A marca da ferradura do equino. Haxiotopónimo que non debe o seu nome ao santo, coma no caso de Santo Hadrián ou San Nicolás, senón a un dos seus atributos: a ferradura do seu cabalo. A outra lenda de Santiago é a do baixo mariño A de Couce, a poucos metros de punta Nariga.

E a gran área megalítica de Malpica de Bergantiños está no pentágono Filgueira, Taraio, Limiñoa, Santiso e O Tormeán. Nela temos localizadas 13 mámoas/dolmens que conforman unha variada ruta megalítica de alto interese turístico e pedagóxico. Échevos ben certo que en moitísimas ocasións a árbore non nos deixa ver o bosque. E neste caso a luz que emite un dos máis grandes dolmens de Galiza, Pedra da Arca, non deixa apreciar a riqueza desta necrópole con tanta abundancia de túmulos.