Eliseo Couto Pose, o arquivo da memoria de Malpica

Luis Giadás

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Eliseo Couto
Eliseo Couto CEDIDA (XOSÉ MANUEL VARELA)

IN MEMORIAM | Luis Giadás lembra con estas palabras a un querido veciño de O Campo, Leduzo, falecido días atrás

26 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando falece un ancián, morre con el o saber dun pobo.

Esta sentenza de Otero Pedrayo é unha verdade tan fonda que merecería ser gravada a lume nas paredes do Museo do Pobo Galego. Pero se é unha verdade inmutable, hai ocasións nas que se fai rotunda. Eliseo Couto Pose era a memoria lúcida da bisbarra de Bergantiños. Dende a súa casa de O Campo, Leduzo, parroquia de San Cristovo de Cerqueda, Malpica, evocaba lendas, persoas e feitos cunha prodixiosa memoria, debullando xenerosamente os grans dos seus coñecementos (era unha auténtica «Malpiquipedia»), cun entusiasmo contaxioso, transmitido ós seus fillos (por exemplo, Javi, técnico de Turismo do Concello de Ponteceso, herdou este amor pola «terra roxa», sendo o pioneiro do sendeirismo na nosa comarca).

Grazas, Eliseo, por todo o que nos ensinaches: foi fundamental a túa colaboración no caderniño que sobre a parroquia de Cerqueda elaboramos no Instituto de Estudos Bergantiñáns. Que a terra dos vinte lugares, das vinte fontes e dos vinte cruceiros te acolla no teu seo, xa que sempre formaches parte dela!