Inaugurada, en Malpica, unha Rúa dos Contos con moita historia

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Onte tamén se entregaron os premios do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

07 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Na Praza do Campo de Malpica, unha rúa estreita mais cargada de historia, inaugurouse onte unha exposición cos microrrelatos que concorreron a un certame que o Concello convocou en abril do pasado ano para rexistrar a memoria do que significou a pandemia durante os primeiros meses de confinamento. A oleira Carmen Isabel Labrador foi a encargada de plasmar os textos en placas de barro, mentres que a alfareira Lidia Trigo encargouse do colorido distintivo que dá agora nome á Rúa dos Contos malpicá. Representantes municipais entregaron os galardóns aos gañadores, mentres que o divulgador Xurxo Alfeirán explicou aos asistentes parte da historia desa estreita rúa: os diferentes nomes que foi tendo ao longo dos anos, o edificio no que se colocaron estes relatos...

BASILIO BELLO

Xa á tarde tamén se puido celebrar a entrega dos premios correspondentes á XV edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas: a Charo Pita o galardón principal e a Laura Ramos, o accésit. Tamén se presentou o libro gañador na edición pasada (Peixes que esvaraban ao unísono, de Medos Romero) e o dúo Aldaolado pechou cunha actuación a entrega dos recoñecementos, á vez que reactivou a actividade cultural no Centro Cívico malpicán, que continuará hoxe coa escenificación da peza Tabú, a cargo da compañía Tarabela Creativa (18.00).