As luras do porto de Malpica


outro día trouxéronme á casa tres luras ou calamares pequechos. Estaban deliciosas. Naqueles tres animaliños, que un servidor mastigou co respecto e o agradecemento que se merecen, estaba concentrada en apenas 350 ou 400 gramos toda a natureza e a esencia do bravo mar de Malpica, outrora abondoso en baleas e hoxe en esporádicos calamares de temporada, que en determinadas épocas acoden ao porto malpicán atraídos pola súa lucenza reforzada en noites de luar pola que reflicte o noso satélite.

Os tres saborosos protagonistas desta nosa pequena historia foran pescados na porto de Malpica por un rapaz novo que prefire o saudable contacto coa natureza, que dá forza e vida, a participar, como fan outros, nas festas alcohólicas denominadas popularmente botellón, ideadas en malísima hora. O rapaz, que xa non o é tanto, porque xa pasa, aínda que sexa lixeiramente, dos 30 anos, cando regresa de pescar no porto de Malpica, actividade polo de agora non delituosa, de andar en bicicleta ou de patear camiños e vereas durante horas e horas, vén renovado. El e mais un servidor calculamos que se segue practicando a súa inofensiva e saudable afección pescadora nas fins de semana (Deus o queira) precisará uns 20 anos da súa existencia para xuntar, luriña a luriña, noite a noite e verso a verso, 20 quilos dese apetitoso cefalópodo. Digo vinte porque esa é a cantidade, ou máis, que un patrón maior da nosa Costa da Morte, e ao mesmo tempo Costa da Vida, estima que pode coller un xubilado (non se di en canto tempo) para vender no mercado negro sen pagar impostos: «Non é lóxico (concordo) que un xubilado colla 20-30 quilos de luras para vender», manifestou o señor o outro día a este xornal, para min, aínda que sexa de papel, case da familia dende hai moito. «Non son de prohibir porque todo é cuestión de falalo, pero si apoio as multas e a maior vixilancia (concordo)», dixo tamén. «Son máis partidario de vixiar e de sancionar aos furtivos que de pechar o porto (así mesmo concordo)», declarou un segundo profesional da pesca, patrón doutra confraría.

Un servidor fai votos para que ese peche non se produza, porque amo e confío na xuventude saudable e ecoloxista e porque, ademais, o mozo, que xa non é tan mozo, que intenta pescar luras (a maior parte das veces vén de baleiro) á luz da lúa no porto de Malpica é o meu fillo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

As luras do porto de Malpica