Cetáceos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

MALPICA DE BERGANTIÑOS

27 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante os meus paseos polas sendas trazadas dende Malpica ate A Coruña vexo con frecuencia paneis sobre cetáceos. Cachalotes, baleas, caldeiróns, golfiños, arroaces, candorcas ou rorcuais aparecen coa súa foto ou debuxo e algunhas das súas características máis salientábeis. Dende esta costa que percorro e á que lle dedico parte do meu tempo, só fun capaz de ver golfiños e arroaces de diferentes tamaños, en solitario, en grupos e incluso a poucos metros de por onde eu camiñaba. Téñoos visto apareándose, atacando estratexicamente bancos de peixes para comer, xogando ou de paso sen máis e sen dúbida, son un fermoso espectáculo. Cadroume de ver no tempo algún cachalote, caldeirón ou balea mortos e varados por diferentes lugares desta ribeira pero nunca me coincidiu de poder velos vivos e a simple vista.

Hai días, e a poucas millas de Corrubedo, soubemos do incidente dunhas candorcas cun veleiro que xerou un debate sobre o estraño comportamento destes animais que non soen ser moi habituais nas nosas augas e moito menos protagonizando este tipo de feitos. Boa nova foi tamén o sorprendente avistamento dunha balea azul nunha das nosas rías e o achegamento cada vez máis frecuente destes fermosos e intelixentes seres vivos ás nosas costas.

Dende o século XII, e introducida polos vascos, está documentada a caza da balea en Galicia, e os enclaves de Prioiro na costa ferrolá, o setentrional porto de Bares ou o mariñao de San Cibrao figuran como os máis antigos. Tamén Caión, Malpica, Foz, Burela ou Rinlo no norte, Cangas nas Rías Baixas e Caneliñas en Cee, último deles en pechar, foron lugares onde a caza da balea tivo unha importancia relevante. Galicia chegou a ser punteira pola súa actividade baleeira nos séculos XVI e XVII. Mais unha moratoria internacional para deter a caza das baleas que entrou en vigor no ano 1986, asinada por un gran número de países entre os que estaba España, detivo esta actividade. Dende aquela, as baleas poden nadar no seu medio natural cun pouco máis de liberdade e sen medo a ser arpoadas. Poda que iso fose decisivo tamén para que con máis frecuencia se acheguen polas nosas costas, o cal a min particularmente paréceme fascinante.