Tono García, de Buceo Malpica: «Este verán, co coronavirus, a xente lanzouse a ver o fondo do mar»

O xerente da empresa de turismo activo demanda un Museo do Mar para Malpica e un maior coidado das Illas Sisargas


carballo / La Voz

José Antonio García Montes, Tono (Malpica, 1983). tomou no 2015 coa súa empresa Buceo Malpica o relevo do club náutico da localidade. En só cinco anos, localizou varios pecios e regularizou as viaxes ás Illas Sisargas.

-Como foi o verán?

-Este ano, co coronavirus, a xente lanzouse a ver o fondo do mar. Sobre todo, da comarca. Digamos que se decidiron a facer algo que tiñan en mente, pero que nunca chegaban a dar o paso, porque cada vez a xente ten máis presente o buceo.

-Que zonas adoitan explorar?

-Polo xeral, os bautismos adoitámolos facer nas Sisargas porque a contorna fóra da auga é superbonita e á xente gústalle moito. Despois tamén temos varias caliñas como a Barca de Mahé, pero sempre dependemos moito do tempo. Para os buzos con título, temos moi boas inmersións na zona coñecida como Baixos de Baldaio, porque alí hai varios pecios importantes, con bastante que ver. E este ano visitamos tamén preto do cabo de San Adrián, pero afastados da costa, unha zona que é coñecida como Serra da Loba. É unha parede moi grande, que chega aos 33 metros de profundidade, na que hai moitos peixes. Un moi característico é o nudribanquio, tamén coñecido como babosa de mar. Hainos de moitas cores e, para a xente que lle gusta a fotografía, son bastante valorados. Outra zona á que fomos este verán foi por fóra da punta do porto, a media milla, onde hai peixes lúa cando están por aquí.

-A que naufraxios pertencen eses pecios dos que fala e que restos perduran a día de hoxe?

-O máis importante é o RMS Solway, un correo que podía levar cartos mais paquetería e mensaxería, e que era superior a outros cargueiros como poden ser o SS Sidon, en Cambre, ou o Tunstall. Tamén levaba xente. Foi un barco fabricado no 1841, cando se comezaron a facer as viaxes ás Américas. En abril do ano 1843, facendo a ruta dende Inglaterra e tras deixar atrás a Coruña, tomou mal rumbo e chocou nos Baixos. Cento setenta e pico anos despois, un día andando ós ourizos, vin unhas pezas de bronce. Gardei a posición e de alí a un tempo volvín mergullando coa escola e empezamos a ver restos, pero non sabiamos a que embarcación pertencían. Fran Amado, que é un home retirado do mar, pero que controla moito de cartas náuticas e de naufraxios, axudoume moito nestes labores. Sabiamos que o casco era de madeira, pero non estaba, cando se é de ferro, sempre quedan cachos. Non tiña hélice. Podíanlla ter quitado, pero si unhas pezas que parecían rodas de paletas. E para rematar, un anaco de vaixela que poñía Royal Mail Steam Packet Company. Entón, vin que esta navieira só lle fora a pique un barco nos Baldaios. Unicamente había unha posibilidade. Agora hai, sobre todo, moita vaixela. O ano pasado atopamos un sextante, que cren que pode ser dos primeiros da historia, e por ese motivo o veu buscar a Armada

-Menciona outros pecios. Tamén deu vostede con eles?

-Si, co Tunstall. E acto seguido notifiqueillo á Armada para que queden rexistrados como atopados. Envieille unha documentación coa posición, os restos...

-Malpica ten, polo tanto, moita máis riqueza da mariña no fondo do mar, pero esta é moi descoñecida para os propios habitantes.

-Si, creo que habería que potenciala máis. É algo que xa lle comentei ó alcalde nada máis entrar no goberno. Creo que habería que facer un Museo do Mar, porque hai moitas cousas que co tempo poden acabar desaparecendo, e podería ser un atractivo turístico máis, porque eu, evidentemente, non podo quitar do fondo do mar unha moeda nin unha culler, pero si un arqueólogo. Así tamén o vería a xente que non mergulla. Para ese museo tamén poderían ir os cadros de Urbano Lugrís que están daquela maneira na Confraría e facer exposicións de fotografía subacuática e de moitas máis cousas.

-Por outra parte, diría que as Illas Sisargas se están poñendo de moda?

-Máis que de moda, creo que é que antes non había unha empresa que fixera viaxes con regularidade. Pero aínda así, considero que as Administracións deberían de mirar un pouco máis por elas, sobre todo, tratando de limpar o camiño ata o faro, poñendo sinalización, facendo dípticos e recompilando historias da xente que viviu alí.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Tono García, de Buceo Malpica: «Este verán, co coronavirus, a xente lanzouse a ver o fondo do mar»