Arredores, tradición e pezas propias

Patricia Blanco
patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A formación, nacida en Lorient, ofreceu en Cerqueda un concerto ben especial. Nel, Icía Varela e Andrés Rodríguez, base do grupo, tiveron a colaboración de Brian Rodríguez

15 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Icía Varela Gómez (Cerqueda, Malpica, 2000) e Andrés Rodríguez Boutureira (Guísamo, 2004) foron unir o seu talento a Lorient. Os dous integrantes de Xacarandaina, ela pandeireteira e el gaiteiro, emprenderon un camiño artístico conxunto o pasado verán nese festival que é referente. «Andrés estaba tocando nunha escaleira. Había un eco boísimo e eu díxenlle: “Temos que falar”. Tiña en mente unha cousa de Cerqueda e foi tanta a complicidade musical que decidimos tirar para adiante e ver que saía. Saíu isto», conta Icía. «Isto» é Arredores, unha formación que no vindeiro mes de agosto cumprirá un ano, e que este pasado sábado ofreceu o que podería considerarse o seu primeiro concerto como tal. Foi na terra natal dela, na beira do fogar, e ademais dedicado á memoria de seu avó, falecido días atrás: «Penseino moito, pero se lle tivese preguntado a el diríame que adiante», explica. Icía e Andrés non estiveron sós sobre o escenario, senón que contaron coa colaboración de Brian Rodríguez Pardiñas á percusión, un mozo de Carnio (Treos, Vimianzo) que os acompañará nestas actuacións en formato algo maior: «Para acústico estariamos Andrés e eu», di Icía, que agarda poder ter presente a Brian en moitas ocasións: «Estamos encantados de tocar con el», dá conta.

A finalidade do grupo non era outra que o arranxo de pezas tradicionais de Cerqueda e Guísamo, pezas «dos nosos antepasados» para tratar con todo o respecto á súa esencia, máis dándolle «un toque persoal» e «contemporáneo». A realidade é que acabaron máis ben compoñendo, porque case a metade das pezas son propias. Non lles tocaron tempos doados para arrincar, xa que se ben tiñan varios concertos trazados todo quedou un pouco parado a causa da pandemia do covid-19. De momento, pois, quédalles o irse espallando a través das redes sociais, que non deixan de ser unha boa plataforma nestas circunstancias. Varela explica que está ben ir ensaiando, que o pasan moi ben, mais tiñan ganas xa de vivir esa adrenalina dun concerto: «Compartir, ver á xente bailar...». En Cerqueda estiveron arroupados o sábado por familia, amigos, veciños... Arredores tenos moi ilusionados, e ademais é o proxecto ao que agora Icía lle dedica máis tempo.

Coa universidade finalizada por este curso (estuda un dobre grao de Filoloxía Inglesa e Galego-Portuguesa), co conservatorio tamén de vacacións de verán (fórmase en canto lírico e piano) e coas clases de música tradicional paradas (é profesora na asociación Raigañas e tamén na Andora, de Laxe), Varela di que ten todo o tempo do mundo para dedicarllo á música, que é a súa paixón. De aí que agradecese tanto, como ela mesmo ten contado e escrito, o ter podido subir ao escenario nun bo número de ocasións para poñer a súa voz á par da de artistas como Sés, Xabier Díaz ou Mercedes Peón.

Unha terra de riqueza

«Coincidiramos en actuacións, e eu sabía da existencia dela, pero non foi ata que chegamos a Lorient que empezou todo isto», contaba tamén onte Andrés. Sendo de Guísamo, di que Bergantiños e a Costa da Morte son zonas ben recoñecidas polo seu número de recollidas, de pezas e de recursos, pero foi a raíz de empezar este proxecto cunha malpicá cando se abriu aínda máis a este mundo de riqueza cultural. Amósase contento logo do concerto do sábado, sobre todo porque entende que para a súa compañeira tocar na casa foi certamente especial. Coincide en que traballar xuntos «é moi doado». Arredores é o proxecto que tamén ten máis entretido actualmente a Rodríguez Boutureira: nel atrévese coa guitarra, co acordeón, con algunha voz e mesmo tamén coa gaita, se fai falta: «Andrés é un pack completo», ri Icía. Tamén forma parte dun grupo de música tradicional de Betanzos, segue en Xacarandaina, toca co seu profesor de gaita e mesmo iniciou unha pequena andadura con outro rapaz gaiteiro. Aos seus 16 anos, asegura que detrás deste dúo que forma con Icía, detrás do proxecto e do seu repertorio, hai moito traballo de arranxos e composición.

O coronavirus tenos agora un pouco expectantes, e agardan que vaia saíndo algún concerto que outro para darse a coñecer: «Á xente parece que lle vai gustando».