Eliseo Villar: «Os erros políticos impediron que Malpica sexa unha pequena Burela»

j. v. lado / ana garcía CEE, CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

O malpicán, ademais de traballar en América, dirixiu a flota de Calvo ata o ano 1994 no que formou Ugavi

12 ene 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Mariñeiro dende neno en Malpica, patrón de altura, profesor pesqueiro no Ecuador e mesmo director de flota da conserveira Calvo, o malpicán Eliseo Villar Loureiro (1951), fala con voz autorizada sobre as oportunidades perdidas na Costa da Morte, e máis concretamente no seu pobo, no sector pesqueiro.

-Como resumiría a súa traxectoria no mar?

-Nacín o 14 de novembro de 1951 e comecei no mar o 19 de maio de 1965. O 8 de xuño de 1969 fun náufrago con meu pai no San Adrían, que foi ao fondo. Despois no 73 casei e grazas a iso puiden ir estudar á Laboral, porque mo pagou a miña muller cun taller de costura e eu traballando de camareiro as fins de semana no don Paco. Con 23 anos -ela tiña 21- fomos para Ecuador. Contratoume o Goberno nunha misión de asistencia internacional e alí fun mestre de tecnoloxía pesqueira nunha escola de formación profesional durante tres anos e medio. Despois comecei nos atuneiros e traballei para a empresa americana Ralston Purina, que aquí en España tiña Gallina Blanca e no Ecuador era Van Camps. Dende 1987 a 1994 fun director de flota de Calvo ata que montamos Ugavi, o noso negocio, que é unha empresa ecuatoriana con intereses españois que ten a oficina principal na Coruña e coa que seguimos traballando para Calvo. Estamos presentes en Ecuador e en outros países de América Latina. Digamos que levo no sector de atún máis de 45 anos.

-Que posibilidades hai de que Malpica e a Costa da Morte recuperen potencial pesqueiro?

-Hoxe é moi complicado porque o deterioro da pesca de baixura esténdese por todo o litoral e inflúen moitos factores como que os fillos dos armadores non relevaron a seus pais, pero o principal é que os erros políticos cometidos na súa época, por parte das autoridades e tamén dos armadores, impediron que Malpica sexa unha pequena Burela. Todo iso sucedeu por decisións mal tomadas e porque aquí non querían que se metese ninguén de fóra, nin arrastreiros, nin Gran Sol nin nada. Pensaron que o que había nunca se ía acabar e acabouse. Malpica sempre se opuxo a todo, tanto o Concello como a Confraría que ao fin e ao cabo eran as mesmas persoas.

-Como viu cambiar o sector?

-Nos anos 60, cando eu era neno, se non recordo mal, había 50 ou 60 barcos de cerco e outros tantos do día. Era unha riqueza importante e a maior parte do pobo vivía do sector da pesca, pero lamentablemente as autoridades non souberon enfocar as necesidades ou os cambios que viñan. Que tamén pasou na Coruña onde había máis de 500 barcos e hoxe non quedan máis de tres ducias e abandeirados no estranxeiro.

-Cal foi o erro fundamental?

-A partir do ano 1987 as conserveiras da zona trataron de desenvolver o porto de Malpica como punto de descarga da materia prima que viña de América ou de África e que vai a Ribeira, a Pobra ou Vilagarcía. Incluso había unha proposta de inversión importante das empresas para ampliar o forte, pero aquí en Malpica sempre se opuxeron. Houbo moitas discusións e moitos problemas e, entón, tratou de facerse en Laxe. O que pasa é que dende Laxe non se cumpría a normativa europea que di que a distancia máxima para o transporte non refrixerado de produtos conxelados son 18 quilómetros, o que si se cumpría dende Malpica.

-Que se perdeu?

-Que hoxe a primeira manipulación da materia prima que se emprega en Carballo, que non sei en canto está agora pero creo recordar que andaba nas 200 toneladas diarias, podíase estar facendo en Malpica. Eu penso que era mellor para unha muller vivir dun soldo industrial, por poñer unha cifra de 800 euros, que estar vivindo dunha pensión dun xubilado de 800 euros, da que teñen que comer os fillos e máis os netos. Pero aquí non se fixo, coa democracia cambiouse un caciquismo por outro e agora pagamos as consecuencias de 35 anos.

-Por que se perdeu o relevo xeracional?

-Poñamos o caso dun armador, un ao que lle vai ben, non o que só saca para comer. Tivo tres ou catro fillos, que eran os que se tiñan entonces. Un mandouno para o seminario, outro para A Coruña e outro para a de Pallas de Carballo. O cuarto, como era vago, quedou co pai. Os tres primeiros acabaron as carreiras e en Malpica non tiñan en que empregarse así un quedou en Santiago, outro na Coruña e outro marchou para Barcelona e, claro, non volveron. Aquí quedou o menos competente academicamente e déronse casos -non vou dicir que todos porque tampouco é así- de rapaces aos que lle chegaron antes os cartos que a educación e a formación. Iso é un problema porque aquel encanto, aquela bondade, aquel saber facer do pai, perdeuse. De feito hoxe o 95 % dos que están traballando e con éxito non son fillos de armadores. Comezaron de mariñeiros e fixeron o seu negocio por conta propia.

-Por que cree que iso non o vai paliar o turismo?

-Xa é triste que só poidamos ser un pobo de servizos, pero é que a nivel turístico tamén nos hipotecaron. Se Carmen Garrido resucitase e non morrese do susto outra tería que volver a compoñer a canción de «Malpica ten, todo ten...» porque non temos nada. Había que facer un paseo marítimo? Si, pero había que facelo no monte, non enriba da praia, porque hoxe é imposible facer unha estrada de saída do pobo, non temos praia e tés que aparcar a dous quilómetros. Aquel turismo de calidade perdeuse.