Medos Romero: «Certames coma este dannos alento e abren moitas portas»

F. Rodríguez / M. López

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A autora, natural das Pontes, di que este foi o libro que máis lle custou escribir

03 dic 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Remedios Fernández Romero, máis coñecida por Medos Romero no ámbito literario, vén de gañar o XIV Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola Asociación Caldeirón e o Concello de Malpica,

-Ten unha dilatada experiencia no ámbito da poesía, pero é esta a súa primeira incursión na literatura erótica?

-Pois si, e ademais foi un reto para min escribir este libro. Alguén que se dedica á música comentoume no seu día que quería musicar poemas meus e preguntoume se tiña pezas de amor. E si, si que teño, porque o amor ten moitos camiños e moitas vertentes, pero nunca fixen nada de amor carnal, pese a ter moito publicado sobre a muller o a violencia de xénero. Peixes que esvaraban ao unísono foi o último libro que escribín neste outono e decidín presentalo ao certame.

-Foi chegar e encher.

-Neste caso si; fun afortunada, porque de seguro que había moitos outros traballos bos que tiñan dereito a saír á luz. O xurado quixo que fose así e eu estou verdadeiramente agradecida.

-Que resalta o xurado?

-Eu creo que a liberdade de amar por enriba dos tópicos da relación entregada e amorosa entre un home e unha muller; outras vertentes.

Gustaríame tomar un momento para agradecer á Asociación Caldeirón e ao Concello de Malpica polo feito de que manteñan no tempo este certame. Iniciativas coma esta abren portas e dan alento pero, sobre todo, en tempos tan difíciles para a publicación, dános a posibilidade de sacar á luz o traballo.

-Catorce edicións dun certame máis que singular. Cónstalle que haxa algún máis especializado na poesía erótica?

-Polo que escoitei o día da Cea das Letras creo que é o único de toda España.

-Ás veces iniciativas coma estas son as que animan aos autores a saír da súa zona de confort e facer incursións en terreos descoñecidos.

-Si, aínda que no meu caso foi polo que comentaba antes. Porén, reconforta moito [estar amparada por este certame], porque me fai sentir máis versátil. Acabo de publicar un libro de denuncia sobre a explotación dos recursos naturais e agora poderei lanzar outro sobre o desexo, a sexualidade, o erotismo... É marabilloso.

-Dificilmente podería un atopar un nexo de unión entre as dúas temáticas.

-Non sería doado, aínda que sempre hai unha figura que está aí, que é o ser humano.

-Vostede, non obstante, non se dedica profesionalmente ao labor literario.

-Efectivamente, non parto das letras: non son ensinante, nin filóloga, nin nada diso. Son enfermeira, en realidade.

-Pensou en deixar o mundo da sanidade para dedicarse ao 100 % ás letras?

-Non é posíbel... Estou moi contenta co meu traballo e reconfórtame, pero sería marabilloso que un puidese vivir disto, levar quizais unha vida algo máis sosegada.

-Algún proxecto no horizonte?

-Cando morreu miña nai sentín a necesidade de escribir algo; un libro que xa teño rematado sobre as mulleres de meu. E tamén teño unha peza sobre a violencia de xénero que optei por colocalo nun blog dixital. Non hai que correr. E, ademais, a miña forma de escribir non responde a un obxectivo claro de «Vou facer un libro sobre isto». Quizais o proxecto no que máis me axustei a iso foi este último, o de poesía erótica, que foi un gran reto. Pero antes a miña maneira de escribir semellou a cando se sacude unha árbore e dela caen froitos ou follas. Foi sempre así: tivo que haber un suceso que me levase a parir un novo traballo.