Mercedes Castro: «Se a petanca é un deporte, por que non a billarda?»

Melissa Rodríguez
MELISSA RODRÍGUEZ CARBALLO/ LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A Asociación Cultural Billarda do Toxo pasou de reunir de vinte a corenta «palanadores» en cada xornada de liga. Ela é a vicepresidenta

30 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o ano 2015 ao actual, o número de afeccionados á billarda na zona creceu de vinte a corenta; unha cifra curta pero para nada insignificante tratándose dun xogo tradicional. Falamos da Asociación Cultural Billarda do Toxo, con sede en Paiosaco, que se encarga de organizar un domingo cada quince días unha nova xornada da liga Nacional (a nivel galego) para a Conferencia Noroeste. Catro equipos integran este grupo: o Campo da Feira, de Paiosaco; o APB, da Laracha; o Malpica Cochikeiros, de Malpica e A Coruña, e o Filloas de Sangue, tamén da Coruña. Mercedes Castro Rama, Merche (Carballo, 1972), vicepresidenta da entidade, fala do crecemento experimentado, do cal ela é exemplo, así como de en que momento entre xogo e deporte se atopa a billarda.

-Que pasou para que se dera este crecemento de afeccionados á billarda?

-Dende a asociación poñemos moito empeño en difundir a billarda. Temos que facelo para que sobreviva. O presidente, Xosé Collazo Regueiro, de Torás, ten ido ós colexios para ensinarlles este xogo tradicional aos nenos, pois é un deporte que abarca todas as idades. Temos un neno, Anxo, que o practica con só catro anos, ata un señor de setenta e pico.

-Falando diso de xogo-deporte, en que momento se atopa a billarda?

-Aínda non está recoñecida como deporte, pero é algo no que estamos traballando, pois queremos que algún día se consiga. Máis que nada pola tradición que ten. Era o único ó que os nosos bisavós xogaban antes. Se a petanca o é, por que non a billarda? Ten unhas normas, hai competición e facemos exercicio. Xa tivemos varias reunións coa Xunta, cos departamentos de Cultura e Deporte.

-É un xogo dende sempre practicado maioritariamente por homes. Cambiou isto?

-Cada vez animámonos máis mulleres e nenos. Como xa dixen, é un deporte para todos. Eu mesma non quería saber nada del e un día, pola miña parella, probeino e engancheime. Ata o punto de adestrar pola semana para facelo mellor o domingo. Na Conferencia das Rías Baixas hai moitos adeptos e moita rivalidade. Si que é certo que é unha disciplina na que a forza é o principal, pero na que non menos importante é a habilidade. Na forza é onde se nota a diferenza entre homes e mulleres e por iso estou de acordo con que haxa dúas categorías: a absoluta e a feminina, a parte da infantil, claro. Estamos moi contentos de que a billarda creza, sobre todo en nenos que o practican, pois é a base que queremos para que prospere. Pero non é nada fácil conseguilos, pois tíralles máis o fútbol ou o baloncesto. Tamén unha vez que o proban, gústalles moito e non o deixan. Dende aquí animamos a todo o mundo a que se achegue os domingos a probalo, ou nos Abertos que facemos. Un día toca en Malpica, outro en Laxe, Carballo, A Laracha... Proporcionámoslles nós o material, que por certo, como di o cómico David Perdomo, a billarda é o único deporte para o que non fai falta pasar polo Decathlon. O palán e a billarda facémolos con toxo, oliveira ou abeleira, entre outras madeiras. Cantos máis, mellor o pasamos. Créase un gran ambiente, a verdade, e imos formando unha pequena familia.

-Que tal foi a última xornada, a cuarta, en Carballo?

-Moi ben! O tempo deixóunola disputar no campo do Chorís. Da zona, Juan Carlos, do Campo, foi o gañador na categoría absoluta, seguido por Roi, de Apb, e por Viqueira, de Malpica. En infantil, venceu Abel, do equipo de Paiosaco. A próxima será o 10 de novembro, en Boedo, Culleredo.

En que consiste este xogo?

En golpear cun pau grande a outro pequeno, tratando de meter este último entre outros dous paus separados entre si co menor número de golpes posibles.