IN MEMORIAM | Fóisenos un malpicán de pro que enchía os campos de fútbol e ledicia

Pedro Varela, Pelayo (exxogador do Malpica) | Un home que deixa unha gran cantidade de anécdotas para a memoria colectiva


Estou triste. O pasado venres enterramos a un amigo e compañeiro, Pedro Varela, coñecido en Malpica polo alcume de Pelayo. Non eramos moitos os que lle demos o derradeiro adeus. Unha mágoa.

Xogou ao fútbol nalgúns equipos da Liga da Costa (Buño, Ponteceso ….), pero cando se fundou o Malpica S. C. D. pasou a defender as cores locais ata o seu retiro deportivo. Era un malpicán de pro. Era de baixa estatura, rexo, forte, duro coma un carlou, pero nobre. Xogaba de medio defensivo. Entraba duro, endexamais rexeitaba o choque co contrario, pero sempre con nobreza. Tiña grandes virtudes. Era rápido, tiña un gran dribling, pero, para min, a súa grande virtude era que ía moi ben de cabeza. Cando saltaba aguantaba no aire coma se vencera a lei da gravidade. Coma se levitase e sempre gañaba a partida ao contrario. Tamén tiña un defecto, era moi amarrón. Collía o balón na defensa, corría pola banda e driblaba a cantos contrarios lle saían ao paso. Sen soltar o balón ata que llo quitaban e así favorecía o contraataque do equipo contrario.

Na miña corta carreira deportiva quizais sexa o compañeiro do que máis anécdotas lembre. Antes de cada partido tomaba dous optalidóns e dúas copas de coñac Magno. Podían mallalo, arrastralo e patealo que non sentía dor. Segundo dicía Xurxo Souto, foi o que inventou e o primeiro carrileiro que houbo en España.

Lémbrome que nunha de tantas veces colleu o balón na defensa e foi driblando a cantos contrarios lle saían ao paso. Xelucho, que xogaba de central (o mellor central que pasou na Liga da Costa, segundo algúns), que facía, ao mesmo tempo, de adestrador e estratego, berroulle:

-Solta o balón Pelayo que ti es defensivo, medio retrasado.

Só escoitou as dúas palabras finais e, ao tal escoitar, soltou o balón e berrou:

-E ti, retrasado enteiro.

As risas dos espectadores oíanse a dous quilómetros a redonda.

Noutra ocasión, cando saltaba de cabeza, coma xa dixen, levitaba no aire. O árbitro crendo que se apoiaba no contrario, pitaba falta. Pelayo contestaba dicindo: «¡Mierda, árbitro, mieeerda!».

No transcurso do partido, repetíase a mesma xogada e o árbitro volvía a pitarlle falta. A resposta era a mesma: «¡Mierda, árbitro, mieeerda!».

Lémbrome que colleu o balón na defensa e corría a todo gas pola banda e Xelucho berroulle: «Pasa o balón, Pelayo».

Sen atender as indicacións seguía coleando ata que lle quitaron o balón. Sen folgos e impotencia volveuse cara Xelucho e dicíalle: «Merda, Xelucho, meeerda!».

Este, con sentido do humor, retrucáballe: «Por que lle dis ao árbitro “mierda” e a min me dis “merda”? Logo o árbitro é mais fino ca min? Dende agora, vasme dicir “¡mierda, Xelucho, mieeerda!”». Nesta ocasión, as risas do público oíronse a dez quilómetros á redonda.

Adeus, amigo. Estou fachendoso de ser compañeiro en máis de cen batallas deportivas contigo. Grazas por facerme rir en tantas ocasións e de gozar da túa amizade. De formar parte, xunto con moitos outros, dos pioneiros do noso querido S. C. D. Malpica.

Estaría ben que se lle rendese unha homenaxe a el e a tódolos xogadores e directivos (vellos e novos) que demos todo o que tiñamos na alma por defender as cores e non só as cores (era Malpica enteira) por eses campos de Galicia antes de que sexa demasiado tarde.

Descansa en paz, compañeiro.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

IN MEMORIAM | Fóisenos un malpicán de pro que enchía os campos de fútbol e ledicia