Bibiana Pérez, «La Perecita», unha tiple de adopción malpicá

xosé m. varela

MALPICA DE BERGANTIÑOS

APUNTES HISTÓRICOS | Casada co tenor Ignacio Varela, chegou a actuar perante o zar Nicolás II de Rusia, no Teatro Real de Madrid

17 sep 2019 . Actualizado a las 21:47 h.

A finais do século XIX, Malpica de Bergantiños foi a capital do canto lírico, cando menos no estado español. Dúas voces, unidas en matrimonio, triunfaban nos grandes teatros e coas máis distinguidas obras: o tenor malpicán Ignacio Varela Novo e a tiple Bibiana Pérez Mateos.

Na volta do correo destes días de setembro, recibimos como agasallo un dos 125 volumes non venais do libro Bibiana Pérez, La Perecita. Cebrereña, famosa cantante de ópera en el Teatro Real de Madrid (1886-1889), do investigador, veciño seu, Luciano José Navas Villalba. Na publicación exponse de modo moi documentado o amplo percorrido artístico desta malpicá adoptiva.

Bibiana Pérez naceu ás nove horas do 26 de outubro de 1865 en Cebreros (Ávila), na fronteira provincial coa comunidade autónoma de Madrid. Esta localidade foi tamén vila natal de Adolfo Suárez, presidente do Estado español durante a Transición. Bautizárona co nome de Bibiana Evarista na igrexa de Santiago Apóstolo. Ao longo da súa vida tivo dous apelativos máis. Debido ao pequeno tamaño, o seu marido chamábaa La Perecita. Nos anuncios das obras ou nas críticas musicais, ás veces, denominábana Pérez de Varela, como modo de poñer de relevo dúas grandes voces líricas.

A súa era unha familia acomodada, o que lle permitiu iniciarse como muller sen dificultades no mundo artístico. Botou a cantar na misa maior das festas tradicionais dedicadas á Virxe de Valsordo na igrexa de Cebreros. Despois, con 15 anos, trasladouse á cidade de Avila para estudar canto e música. Segundo José Mayoral Fernández, no «Teatro Principal de Ávila se formaron las famosas divas Bibiana Pérez y Carmen de la Puente».

A súa fama foi tan incipiente que, xunto cos touros, era figura principal na festa folclórica a beneficio do Comedor de Caridad. Nun poema de Ricardo Celdrán exprésase esa sona con estes versos: «Quince de agosto, al romper / el alba con gran jarana / gente en larga caravana / iban a Cebreros a ver / los toros y la Bibiana. / «La Perecita» a la gente / gustaba por sus gorjeos / y en los toros era ingente / el tronar de clamoreos».

Unha fulgurante carreira

Segundo podemos comprobar na exhausiva documentación que ofrece o libro, con 17 anos, en decembro de 1882, solicita o ingreso na Escuela de Música y Declamación de Madrid (hoxe Real Conservatorio Superior de Música). Ingresa en xaneiro de 1883. Como esta escola tiña escaseza de profesorado e masificación de alumnado, Bibiana optou por completar a súa formación con Napoleón Verguer no Instituto Filharmónico creado polo Conde Morphy. A partir de aí comeza a súa fulgurante carreira na que cantaría as seguintes óperas: Guillermo Tell, Le prophete, Faust, L’africaine, Robert le Diable, L’etoile du nort, Carmen, Norma, Los amantes de Teruel, I promessi sposi, Lucía de Lammermoor, Les huguenots, Rigoletto ou Los pescadores de perlas.

A crítica destacou enormemente a súa intervención en Los amantes de Teruel: «La señorita doña Bibiana Pérez es una artista que reveló hasta dónde puede llegar su talento en un papel tan difícil como el de Isabel Segura. Todas las alabanzas que se le tributen serán pocas para las que en realidad merece». A súa actuación de pegada máis internacional foi actuar perante o zar Nicolás II de Rusia no Teatro Real de Madrid.

Unha escola de canto na Coruña na que se formaron xeracións de voces líricas

Tras coincidir en diversos escenarios, sobre todo no Teatro Real de Madrid, Ignacio Varela e Bibiana Pérez contraen matrimonio na igrexa de San Vicente de Ávila o 28 de febreiro de 1891. O certificado de matrimonio indica que o contraínte ten «treinta y un años de edad, de estado soltero, artista natural de Malpica... hijo legítimo de Don Ramón y Doña Antonia», mentres que a contraínte tiña «veinte y cinco años de edad, de estado soltera, también artista, natural de Cebreros... hija también legítima de Don Lope y Doña Modesta». O matrimonio tivo cinco descendentes: Carmen, Ignacio, Raúl, Fernando e Arturo.

Chegou o tempo de abandonar os escenarios. Inicialmente, o matrimonio instálase en Malpica. Ignacio métese no mundo da transformación pesqueira. Segundo nos manifestou Gloria Pardines, Bibiana non vía para ela un futuro económico na vila malpicá ao non poder seguir co seu maxisterio musical. Así que, en 1889, abre na Praza de Ourense a primeira escola de canto da cidade da Coruña na que se formaron xeracións e xeracións de voces líricas. O coruñés Julio Andrade Malde, cuxos pais foron alumnos de Bibiana nesta escola, recórdaa como unha muller que «siempre tenía esa marabillosa sonrisa que la rejuvenecía». Como froito desa simpatía, con 61 anos cumpridos, Bibiana foi homenaxeada na Coruña na primavera de 1927 polo alumnado da súa escola. Despois de 60 anos da apertura do centro musical e tras a morte da fundadora, a súa filla Carme seguiu coa academia.

Pese a tanta itinerancia artística, Malpica nunca desapareceu da xeografía vital desta muller e do seu home. Ignacio era agasallado polos mariñeiros malpicáns con xiras náuticas arredor das Sisargas. E ambos, Bibiana e Ignacio, participaban coas súas voces nos actos relixiosos do Corpus. Se de por si xa eran unhas grandes conmemoracións, coa presenza do tenor e da tiple, a liturxia destas festas converteríase nunha celebración sublime. Bibiana Evarista Pérez Mateos faleceu, coma o seu marido (18 de xullo de 1923), na cidade da Coruña con 84 anos de idade o 28 de abril de 1950. Polo tanto, para a vindeira primavera de 2020 cumprirase o 70 aniversario do seu «pasamento». Agardemos que esa cita non «pase» desapercibida na súa vila adoptiva, a quen, xunto co seu home, puxo nos altares do canto lírico por toda España, por Italia ou mesmo diante de zares.