Un verán raro


Estraños tempos estes. Raposos vagando polo medio da vila en pleno día ou londras a fozar nas augas do porto nunha eterna infancia. Feitos sorprendentes, abofé. Mais a min o que me xera verdadeiro pasmo é o factor humano. O proceder das persoas, a ausencia delas.

Por exemplo, non ver a Antonio Haz Chouciño, Robusto, na Area Maior de Malpica en todo o estío. Personaxe moi popular pola súa afabilidade e apetito. Cando menos a dúas xeracións, ensinounos a xogar ás palas no areal. Velo transitar pola praia adiante co seu característico gorro de dúas viseiras atravesadas e un bolso cunha ducia de raquetas para quen quixera disputar unha partida e botarlle unhas risas, era costume ata este verán. Preguntei por el. Seica estivo enfermo. Disque está pasando uns días fóra. Outro bo comedor dime que renega de saír a rúa mentres non volva a sardiña a Malpica. Sexa como for, a este home octoxenario habería que tomarlle as medidas antes de que fora tarde e plantar a súa estatua no medio da area. Esculpir en bronce o seu enxoito corpo. Sería o manneken pis local. Os selfies estarían garantidos. Recoñecer así décadas de bonhomía e de sementar gargalladas alí onde estivera. Nunha carroa, diante do palco da música, nunha cea benéfica ou fronte ao mar, alegrando as rutinas dos demais. Humilde monumento para exemplo de xenerosidade afectiva e de pedagoxía do humor das camadas futuras. Valorar así aos que son, non aos que teñen.

Defendo aquí o coidar uns dos outros, xesto que xa escasea mesmo entre as propias familias. De feito, emociona ver a un septuaxenario Tito de Peseta levar a anciá Nieves da Parraña do ganchete coas bolsas do mercado. Trátase de ter máis presentes a quen precisa axuda. Bancos dentro do cemiterio ou polo Barreiro abaixo para a xente doída e maior. Un saúdo de consideración aos que sabes que os días non lle están sendo propicios. Unha aperta a quen o destino lle furtou o que máis quería. Unha zona acoutada nos concertos e festas, con cadeiras, para quen sofre algunha discapacidade. Un guiño de afago nas programacións culturais para os inmigrantes que conviven con nós. Fálovos de lesa humanidade neste raro verán sen coincidir con Robusto na praia. E sen Mourente, sen Lisito, sen Lolita, sen…

Por Héctor Pose Escritor e profesor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Un verán raro