Graxa e unto


En Malpica teñen unha boa caldeirada no Concello. Cañizo e BNG déronlle a alcaldía a Walter Pardo, que igual soñaba cun mandato perfecto, cheo de grandes acertos, con proxectos grandiosos, investimentos de mérito e un pobo contento para que dentro de catro anos lle dea unha maioría absoluta con sete concelleiros, polo menos. Ese respaldo da cidadanía que deixa a un moi fachendoso, co peito cheo de aire e a cabeza cargada de fantasías. Pero os contos da casa non dan coas da feira. Chegou o comandante do BNG e mandou parar. E aí acabou o divertimento. A ver agora como vai amañar Walter Pardo para formar un goberno sólido co que poder, polos menos, saír do paso, andar o día a día, facer algúns arranxos, tratar dos problemas que lle veñen enriba a calquera alcalde e executivo municipal dunha localidade pequena, afrontar a falta de recursos e ir virándoa da mellor maneira posible. E por riba, o seu partido, o PSOE, de uñas e dentes, porque non contou coa executiva. Para empezar, o novo mandatario malpicán vai ter tarefa dabondo. A ver como sae da lea. Un goberno en minoría con Cañizo sen dedicación exclusiva non creo que chegue moi lonxe no tempo. Sen engraxar, o eixe do carro non anda ben ou acaba rompendo. E o Bloque non parece disposto darlle a graxa suficiente a Cañizo. Pasado o tempo, este igual busca o unto na casa do PP, que, chegado o caso, estaría nas condiciones de facer a achega dunhas boas ensullas, envoltas en moción de censura. De tódolos xeitos, aínda quedan días para que as augas se calmen e no consistorio malpicán poidan tratar sobre as doses de graxa necesarias para gobernar.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Tags
Comentarios

Graxa e unto