Os equívocos da vida

José Nogueira IN MEMORIAM

MALPICA DE BERGANTIÑOS

IN MEMORIAM | Julio e Antonio Nogueira, dous carballeses

11 jul 2019 . Actualizado a las 21:15 h.

Unha cita do grande autor e dramaturgo alemán Bertolt Brecht tróuxome á memoria, no recordo do recente falecemento dos meus irmáns Julio e Antonio, a visión do devir da vida que se prolonga no tempo como equívocos, mais aínda como eternas contradicións. Sirva esta reflexión para recordalos.

No caso de Antonio, moitos que o chegaron a coñecer esperaban del a alguén preto da Tecnoloxía ?foi profesor de instituto-, a unha persoa moi seria, que tamén. Mais tiña unha grande rebeldía interior que nalgún momento exteriorizou. Ademais, tiña alma de poeta. Esa poesía mantívoa na súa intimidade. Aquí temos o equívoco, aquí temos a contradición da vida, pois el indicoume o camiño da lectura. Así mesmo, como equívoco, a lectura alcanzou a venta de libros da editorial catalá “Gustavo Gili”: Antonio vendía libros para maiores e, eu, libros xuvenís. Velaí a contradición.

Meu irmán Julio tiña unha virtude: ser inmortal. É o que pensei sempre. Fixo do falar diario nos distintos lugares, un escenario novelesco. Acudiu á tradición oral para conseguir o éxito das “súas novelas”, mais foi capaz de ver a centos de quilómetros de distancia que chegaban os amigos, a familia, ata a taberna de “Pericho”, lugar simbólico de Malpica, algo así coma o barco de Ulises en navegación permanente. Meu irmán era totalmente cego, máis oía como ninguén, aínda que o atasen ó barco de Ulises.

Julio e Antonio, meus irmáns eternos, sempre no noso corazón, sempre no noso recordo. Chamade ó voso faladoiro, se fósedes “Pedro Páramo”, a Marichú, Gelasio, José, Susy, Concha…