Ata a bandeira no adeus das Festiletras

Cristina Viu Gomila
Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Xabier Díaz e Touriñán foron as estrelas do último día da festa en O Couto

20 may 2019 . Actualizado a las 16:27 h.

Nunha aldea acolledora e aberta é difícil calcular canta xente decidiu pasar o domingo despedindo as Festiletras, pero unha ollada ás longas ringleiras de coches aparcados na estrada ou en calquera recuncho próximo a O Couto dá unha idea do interese que espertou, de novo na xente, a programación da Fundación Pondal e da asociación Monte Branco.

O por que no do cheo de onte é sinxelo de explicar porque a receita do éxito ten como ingredientes principais moitos anos de experiencia, unhas gotas de humor, outras de música e algo de artesanía, ademais dun ceo despexado e unha temperatura máis ben tirando a fresca, pero agradable.

A de artesanía xa é unha feira madura, cos seus 37 anos cumpridos, aínda que sempre renovada. Unha cita moi atractiva para pasar a mañá comprando pezas de coiro ou de cerámica, desas que son únicas porque é imposible facer dúas iguais.

Pero o verdadeiro tirón da despedida foron os homes. Primeiro Xosé Touriñán e os seus amigos baixo unha carpa ateigada de xente, a mesma que pouco despois das sete da tarde enchía de música Xabier Díaz, acompañado das Adufeiras de Salitre, o toque feminino que completou o grupo Inllar de danza tradicional e, sobre todo, Icía Varela, de Cerqueda, invitada por Díaz a compartir con el a Cantiga da Montaña, que dedicou a Uxía, Mariña e Noela, de Malpica.

Ata as próximas Festiletras, coas súas Festiciencia e Festiaves e os seus Bos e Xenerosos queda menos dun ano xa. Haberá que prepararse para as seguintes, que o tempo voa.