Eduardo Parga: «A nosa prioridade é o centro de día e ampliar o saneamento nas parroquias»

V. Couto / T. Longueira CABALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

26M: AS MUNICIPAIS | Rexedor dende o 2011, quere o apoio dos veciños «para manter a estabilidade económica e política que precisa o pobo». Volve ser o candidato á alcaldía polo PP

18 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Eduardo Parga Veiga (Seaia, 1966) é o alcalde de Malpica dende o ano 2011. Este último mandato o Partido Popular gobernou en solitario grazas á maioría absoluta acadada en maio de 2015 por apenas seis votos. Agora tratará de reeditar a maioría absoluta o vindeiro día 26.

-Que valoración fai destes últimos catro anos de mandato?

-Foron catro anos nos que, grazas aos apoios dos veciños, puidemos darlle forma a un proxecto, iniciado xa hai oito anos. Foi un mandato no que puidemos dotar aos veciños do Concello de servizos públicos moi demandados, como foron a estación depuradora de augas residuais, a gardería municipal e o centro de saúde de Buño. Tamén fixemos realidade unha vella demanda dos veciños, firmando un convenio coa Consellería de Política Social da Xunta de Galicia para poñer en marcha antes de que remate este ano o centro de día. Tamén fomos quen de darlle ao Concello estabilizade orzamentaria e económica.

-Que expectativas ten para o vindeiro día 26?

-Como calquera candidato que se presenta a unhas eleccións o obxectivo é que os veciños confíen neste proxecto e neste grupo de traballo que é o Partido Popular de Malpica. Pedimos que manteñan ese apoio para seguir dándolle forma, outros catro anos máis, a ese proxecto ilusionante que iniciamos hai oito anos.

-Que propostas destacaría das que leva o programa electoral do Partido Popular?

-O gran proxecto para os vindeiros catro anos é estender a rede de saneamento a todas as parroquias unha vez rematada a obra da estación depuradora de Malpica, poñer o centro de día en funcionamento, sen dúbida, e seguir ampliando e mellorando as infraestruturas viarias tanto no casco urbano de Malpica como no resto das parroquias. Tamén é moi necesario seguir promocionando o Concello de Malpica en feiras internacionais como Fitur ou na Feira Ibérica de Turismo de Portugal e a Feira Verde de Silleda. Temos un gran patrimonio cultural e etnográfico, artesanía como a olería, todo un referente ao que seguiremos apoiando en colaboración directa cos propios oleiros, gozamos de excelentes praias e temos unha gran gastronomía para seguir impulsado o turismo de Malpica. Queremos seguir traballando por promocionar o polígono industrial, mantendo contactos cos representantes de Suelo Empresarial do Atlántico (SEA) e apoiaremos dende o goberno a todas aquelas iniciativas emprendedoras e empresariais que aposten de forma decidida por instalarse en Malpica.

-Como percibe o escenario político en Malpica para o día 26?

-A realidade é que somos catro partidos políticos os que buscamos os apoios dos veciños e só espero que ao Partido Popular de Malpica, unha vez máis, se lle dea esa confianza necesaria para poder gobernar cunha maioría estable polo ben do pobo.

BASILIO BELLO

Na miña neveira sempre hai...

Uvas. Na neveira do alcalde e candidato do PP á alcaldía de Malpica, Eduardo Parga Veiga, non faltan nunca «iogures, carne e froita»: «Sobre todo as uvas, encántanme».

¿E o móbil?

Huawei. «Leva comigo dous anos e medio e vai perfectamente, non o cambio», dixo o alcalde. 

A favor, en contra

  • Cadea perpetua revisable: Depende dos casos
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: Ningún
  • Traslado de restos de Franco: É un tema que se lle dá un protagonismo que non merece, nin me vai nin me vén
  • Referendo Cataluña: En contra
  • Acollida refuxiados: A favor con control
  • Eutanasia: A favor, en casos extremos
  • Cambios lei violencia xénero: Se mellora o que hai, a favor.
  • Prohibición fumar praias e piscinas: Máis que prohibir, advertir
  • Casco urbano a 30 km/h: Depende, no caso de Malpica, si sería necesario

Preferencias

  • A que hora se ergue? Sobre as sete e media da mañá
  • Que almorza? Zume e café con leite
  • Prato preferido: O cocido e a fabada
  • Que non comería? Como de todo, son de bo dente
  • Bebida preferida: Refresco e un descafeinado
  • Equipo de fútbol: Cerqueda, Malpica, Buño e Seaia
  • Que coche ten?: Un Mercedes de 21 anos
  • Unha afección: Viaxar
  • Un lugar: Calquera de Galicia.
  • Que tarefas de fogar realiza? Todas menos facer de comer

Artes e letras

  • Escritor favorito: Pérez Reverte
  • Último libro que leu: El capitán Alatriste
  • Última película que viu: Hai moito tempo que non vou ao cine
  • Un artista: Non teño preferido
  • Un actor: Bruce Willis
  • Unha actriz: Non teño preferida
  • Un cantante: David Bisbal
  • Tipo de música: Salsa e de discoteca
  • Deporte que practica: Andar
  • Unha viaxe pendente: Illas Canarias