Xelucho Abella Chouciño, Premio Malante 2019

Xurxo Alfeirán

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Jose Manuel Casal

TRIBUNA ABERTA | Escribe Xurxo Alfeirán sobre a persoa que será homenaxeada mañá ás 17.00 horas no centro cívico

04 may 2019 . Actualizado a las 20:52 h.

Desde hai tres anos, a asociación cultural Malante de Malpica está a organizar o Premio homónimo para aquelas persoas desta vila mariñeira que, segundo o criterio dos asociados, debe ser considerada para tal distinción. Na presente edición 2019 [mañá, 17.00 horas, centro cívico] recaíu o recoñecemento na figura de Xermán Roxelio Abella Chouciño, Xelucho, por «toda unha vida d-escribindo Malpica». Segundo palabras dos seus representantes, a elección resultoulles fácil polos valores do galardoado no ámbito literario, cultural e docente, motivos realmente sobrados para a mencionada mención.

Catro das súas oito publicacións -unha novena vén en camiño- son clasificadas como novela creativa, ou sexa, como historias inventadas (Gundar e o cabalo de oito patas, A cidade maldita, As aventuras de Pelusa e A ermida do diaño). E as catro teñen o denominador común de se recrear no espazo xeográfico de Malpica de Bergantiños, nas súas lendas e na súa xente.

Moi pouco, e menos profundo, hai sobre Malpica escrito anterior a el. Por iso, podemos dicir, que é o escritor que «d-escribe a Malpica». Grazas especialmente a el, o noso concello pasa a pertencer a ese mundo máxico da literatura. Un privilexio do que non todos os pobos dispoñen.

A guía Vila da vida na Costa da Morte foi a primeira publicación dese xénero sobre o noso concello, que perseguía un mellor coñecemento da nosa historia e do noso territorio para nós e para os turistas que nos visitan.

E a novela Fuxiron por mar é unha homenaxe a 66 veciños deste concello, no que se conta a desgarradora historia dunha fuxida en tres motoriñas cara a descoñecida Francia escapando da fratricida Guerra Civil, e con resultados estremecedores para todos os seus protagonistas.

Queda pendente, e ogallá a saúde llo permita, esa historia de Malpica que tan ansiada ten na súa mente desde hai moitos anos. Como docente, ensinou filosofía e ética nos Institutos de A Coruña, Carballo e Ponteceso. Dúas disciplinas con nomes fermosos e temática aínda mellor. Filosofía significa ser «amigo da sabedoría», e ética, «obrar con principios que perseguen o ben e rexeitan o mal». Por iso un dos seus lemas foi «ensinar a pensar» para que os seus alumnos andivesen pola vida segundo cánones éticos. Recalcáballes a frase: «Estudar non é meter cousas na cabeza, senón a cabeza nas cousas», e esta outra latina Inter Légere, que significa «ler dentro», ou sexa, ler por dentro para saber como son as cousas en profundidade. Non se trata pois de memorizar, senón de pensar.

E como bo pedagogo fixo propios os principios éticos e filosóficos que ensinaba para evitarlle ao alumnado conflitos identitarios. Digamos que non foi un pintor coa casa despintada, un albanel coas paredes sen recebar, un mariñeiro pescador de inmaduros ou un carpinteiro coas ventás rachadas. Non, escapaba de predicar o que non sentía.

En palabras dos rapaces, foi un mestre que facía pensar e que convertía as clases en momentos amenos e agradables a pesar da ocasional aridez da materia. Posiblemente sexa esta opinión a mellor calificación para un docente.

Aproveito esta homenaxe para reivindicar do galardoado outras virtudes tamén importantes como as sociais, políticas, deportivas, intelectuais, investigadoras e persoais que nel se deron sobradamente ao longo da vida. Valores que contribuíron, uns, ao coñecemento da nosa historia local e, outros, a unha mellora da calidade de vida da xente do noso concello e comarca.

Lembro a súa especial participación, en colaboración doutros moitos veciños, na manifestación pacífica en defensa dos intereses mariñeiros contra a Celulosa de Ponteceso no ano 1976 que, de facerse, contaminaría irreversiblemente as augas da Ría de Corme e Laxe; na creación da A. VV. Illas Sisargas de Malpica, no 1977; na compra dos terreos para o campo de fútbol en Pedra Queimada e a federación do S.C.D. Malpica, a principios dos 70; ou naquelas do seu impagable labor político como Concelleiro de Obras de Malpica (1979-83): compra dos terreos para Mercado de Abastos e Parque Infantil, Paseo da Praia Maior, creación dos Consellos Parroquiais -verdadeiro órgano de participación veciñal na política do Concello-, publicación do Boletín anual de ingresos e gastos municipais como información transparente, creación dunha Base da Cruz Vermella con adquisición de lancha de salvamento, cesión da Lonxa Municipal á Confraría de Pescadores, peticións á Administración da Xunta de Albor para a ampliación do Dique de Abrigo do Porto de Malpica e realización dun Dique para o Porto de Barizo, etc, etc. A lista queda incompleta por falla de espazo.

Quen o coñecemos de preto sabemos da negativa a ocupar os altos cargos como anceio individual. Sempre escapou de ostentalos. Na súa orde de valores prevaleceu o EQUIPO sobre a persoa. Ata o punto de que esa palabra se converteu no seu lema. E nun equipo, dicía, cada membro ten unha dedicación, e todas son importantes por igual. Parafraseando ao fútbol, un porteiro é tan necesario coma o dianteiro centro, un defensa ou un mediocampista. E ningún vale nada por si só. Na política, igual. E por esa convicción rexeitou o cargo de alcaldable, a pesar de ser o máis votado polos compañeiros para desempeñar tal función.

Este tipo de valores humanos con desapego aos altos cargos son os que dan verdadeira dimensión de grandeza ás persoas.