«Non se ve un proxecto de futuro para Malpica»

F. Rodríguez / T. Longueira CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

A CARREIRA ELECTORAL | Daniel García, candidato polo BNG: «O polígono industrial, o porto, a olería, o agro e o turismo son os cinco eixos nos que se move o programa do BNG de Malpica», afirma

02 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel García Reigía ten 35 anos e é o candidato do BNG en Malpica.

-Que lle levou a encabezar esta lista?

-Era algo que roldaba na cabeza dende hai anos. Había xente que mo dicía e animábame a facelo. Agora propuxéronmo e creo que era o momento. É unha etapa importante para o BNG de Malpica. Para min, ademais de ser unha oportunidade, é un orgullo encabezar a lista do BNG e un grupo de traballo co que estou moi contento.

-Non foi complicado?

-A verdade é que non. As cousas sempre hai que analizalas, pero é un reto. E se acepto este reto é para traballar e con ilusión, está claro.

-O BNG ten un concelleiro, que obxectivo se marca para o 26 de maio?

-Non nos fixamos un obxectivo. Queremos crecer como grupo, queremos mellorar todo o posible, traballar con moita ilusión e facelo por este concello, que cremos que é moi necesario.

-Como ve a situación política en Malpica?

-A realidade que nós vemos é que todo está moi estancado, parece que só se empregan os cartos doutras Administracións e os que van nos orzamentos para cousas, pero non se ve un proxecto para Malpica, non se ve unha idea de futuro para este Concello, é o que nos traslada un pouco a sociedade. De aí o reto que temos por diante. En todo caso, pase o que pase o día 26, sexan os resultados que sexan, no BNG de Malpica temos claro que hai que traballar a longo prazo.

-Que leva o BNG no seu programa?

-Levamos cinco ou seis puntos que cremos chave para intentar meter a Malpica no vagón de cabeza. Temos que ser un referente, despois de políticas erráticas nas que non se avanzou como Concello. Temos que apostar polo parque industrial, é vital. Temos que converter o porto nun espazo seguro para os verdadeiros donos: a xente do mar. Os barcos teñen que descargar en Malpica e os camións teñen que vir a Malpica a cargar o peixe. A olería ten que volver a ser un eixo económico, e con respecto ao agro, ten que formar parte, xunto coa pesca, nun puntal a xestionar dende o polígono. E, por último, hai que mellorar a calidade turística e desestacionalizala coa posta en valor do rico patrimonio existente.

A favor / en contra 

  • Cadea perpetua revisable: En contra
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: En contra, non podemos permitilo
  • Traslado de restos de Franco: A favor
  • Referendo Cataluña: A favor
  • Acollida refuxiados: A favor
  • Eutanasia: A favor de todo o que teña que ser unha morte digna
  • Cambio lei violencia xénero: Para mellorar, sempre
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor, hai que concienciar á xente
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor, é algo necesario

Preferencias

  • A que hora se ergue? Ás 6.10 horas
  • Que almorza? Cola-Cao
  • Prato preferido: Cocido e guisos de pavo
  • Que non comería? Os insectos. Son algo que non mola nada
  • Bebida preferida: Cervexa
  • Equipo de fútbol: O Cerqueda e o Dépor
  • Que coche ten? Un Seat León
  • Unha afección: O fútbol
  • Un lugar: As postas de sol na costa
  • Que tarefas de fogar realiza? Fago de todo, aparte de que son cociñeiro. 

Artes e letras

  • Escritor favorito: Rosalía e, como non, Paco Souto
  • Último libro que leu: O neno mariñeiro
  • Última película que viu: Matria
  • Un artista: Xabier Díaz
  • Un actor: Santiago Romay
  • Unha actriz: Isabel Risco
  • Un cantante: Sés
  • Tipo de música: Depende do momento
  • Deporte que practica: Fútbol
  • Unha viaxe pendente: París

A lista

1. Daniel García Reigía

2. Leticia Naya Varela

3. José Abel Gómez Varela

4. Ana Fariña Outeiro

5. Miguel Ángel Varela Varela

6. Felicitas Varela Varela

7. Daniel Cambón Lorenzo

8. Adriana Negreira Martínez

9. Santiago Gómez Ponte

10. María Nieves Villar Pose

11. José Antonio García Castro

12. Abraham Vila Villar

13. Enma Abella Cruz

14. María Rosario Fernández Cancela

15. José Suárez Garrido

16. Gumersinda Veiga Cousillas

17. Julio Nieto Andrade