Poesía, patrimonio e lembranza de Paco Souto en Malpica

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

A asociación cultural Caldeirón promoveu dous actos con moi boa acollida: foron cálidos encontros. Este venres, en Arteixo, haberá unha novena homenaxe ao poeta e percebeiro falecido hai dous anos

02 abr 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Malpica foi un epicentro cultural da comarca esta pasada fin de semana, con dous actos ben completos organizados dende a asociación cultural Caldeirón. O primeiro deles foi unha ruta literaria dende o porto ata a Atalaia, a parte menos coñecida da vila. Nela tomaron parte unha quincena de persoas, como Paco de Tano -ao fronte de Caldeirón-, Xosé Manuel Varela ou Xurxo Souto, que logo presentaría no bar Pericho a súa obra «A gran travesía de Chiruca Macallás». Aproveitando a presenza de Fernando Patricio Cortizo, ou de José Barizo Chouciño e Xabier Maceiras, falouse asemade de naufraxios na zona.

BASILIO BELLO

A cifra de público medrou ata as trinta persoas, segundo a memoria de Paco, para asistir á disertación de Xurxo Souto, «un máquina». Houbo tempo para as anécdotas e mesmo para o peche con versos e parrafeadas a modo de regueifa. Por alí andaba a coristanquesa Lupe Blanco, así que o «final simpático» con ela estivo asegurado. Botou un man a man con Xurxo, xusto antes de que o acto rematase tomando «unhas cuncas», «coma toda a vida». Non sería novidade se o bar Pericho non levase xa un tempo pechado. Faleceu non hai moito José Pose Chouciño, «taberneiro irrepetible», como dicía a súa esquela, mais a porta do local abriuse para a cultura.

Se especial foi o sábado, non menos o foi o domingo. Na Casa da Cultura de Seaia estaba previsto un xantar-homenaxe polo segundo aniversario do falecemento do poeta e percebeiro Paco Souto. Preto dun cento de persoas asistiron á convocatoria, que xuntou un bo número de poetas, en tanto que ata se reuniron alí membros do Batallón Literario que había tempo non se vían: dende Miro Villar a Concha Blanco, dende David Creus a Alexandre Nerium, por citar algúns nomes.

Artistas como a muxiá Viki Rivadulla e máis poetas como Miguel Mato, Xosé Iglesias, Rivadulla Corcón, Xurxo Souto ou o propio Paco de Tano tomarían parte nun recital que fixo deste acto «algo moi emotivo e especial». Non faltaron nin música tradicional nin filloas. Tampouco as palabras de agradecemento da compañeira de Souto, Emma Abella.

En Arteixo haberá este venres outro tributo ao poeta e percebeiro: será un recital poético e audiovisual inédito, a partir das nove da noite, en Melandrainas Creativa.