Sen auga non hai vida

Grupo Municipal do PSOE de Malpica

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Opinión, polo Grupo Municipal do PSOE de Malpica

24 mar 2019 . Actualizado a las 20:04 h.

A auga é vida

Estabamos afeitos a que o tópico da Galicia verde nos enchera de fachenda, esa imaxe típica da Galicia que semella a Irlanda ou á Bretaña francesa, baixo un orballo persistente e unha brétema tépeda. Pero polo que nos contou La Voz de Galicia hai uns días parece que o futuro non é tan cheo de cor (verde) e que o cambio climático nos pode xogar unha mala pasada.

En Malpica estamos menos preocupados: estamos afeitos a ter problemas coa auga decote. É máis, moitas veces nin sabemos o que vai saír polo cano ó abrir a billa, auga, lodo ou... ¿Coca Cola? Dende logo está claro que somos uns privilexiados, posto que mentres que todo o mundo sabe que a auga é un líquido incoloro, inodoro e insípido, en Malpica pola contra dispoñemos dunha «auga» que ten olor, color e sabor.

Esperamos que despois de oito anos ao fronte do Concello os representantes do PP non se atreverán a lle botar as culpas á herdanza recibida, só faltaría. Sobre todo, tendo en conta que hai xente que despois de se bañar aproveita os pousos como terra para as macetas.

Non nos atreveremos dende aquí a dar solucións máxicas para este problema local, pero dende logo ocorrésenos (aínda que a ocorrencia vén de hai tempo e non se levou a cabo debido ó cambio de goberno) que un pequeno embalsamento na Ponte Berrón podería ofrecer unha solución doada, e así o propoñeremos no programa de goberno que estamos a elaborar. Ese embalsamento por suposto, contaría coas medidas de depuración necesarias para evitar que as enchentes afecten á calidade da auga da que os nosos veciños dispoñen.

Claro que non é a única medida que se debe tomar: o control de augas residuais, dos verquidos industriais e outros posibles focos contaminantes, legais ou ilegais, ten que ser o abc de calquera concello nesta materia. E, por suposto, traballar e concienciar a poboación para que o aforro dun ben que, como ben La Voz nos facía saber nas súas páxinas, vai ser cada vez mais escaso, sexa un hábito de todos.

Ademais, como din en Ourense... Se non hai auga non hai viño. Ou o que ven sendo, que sen auga non hai vida.