Uns falan de igualdade e outros traballamos para conseguila

CARTA ABERTA DO PP DE MALPICA: «O PSOE de Malpica volve a demostrar a súa catadura moral utilizando a loita pola igualdade entre mulleres e homes para atacar ao PP», escriben


O PSOE de Malpica volve a demostrar a súa catadura moral utilizando a loita pola igualdade entre mulleres e homes para atacar ao PP. Para que non intenten acusarnos de terxiversar as súas palabras, citamos textualmente: «Dende o PSOE de Malpica apoiamos o 8 de marzo e tódolos días do ano a defensa, os dereitos e a igualdade da muller. Botamos en falta que dende o goberno municipal se nos tivese convocado a algún tipo de acto ou concentración por isto».

Imos ver, señores do PSOE (dicimos señores, porque algo así non pode escribilo unha muller):

  1. As concentracións e manifestacións do 8 de marzo non foron convocadas polos concellos. Na nosa contorna celebráronse dous actos en Carballo: un pola mañá convocado pola CIG e outro pola tarde convocado polo movemento feminista ao que se sumaron distintos partidos políticos, entre eles o seu.
  2. Se tantas ganas tiñan vostedes de asistir a un acto en defensa da muller puideron asistir a calquera deles, ou tamén puideron convocalo. Que nós saibamos, a defensa da igualdade entre mulleres e homes non é patrimonio exclusivo de ninguén, e polo tanto o PSOE está tan lexitimado coma calquera outro partido, entidade ou institución para convocar “algún tipo de acto ou concentración”.
  3.  O goberno municipal de Malpica organizou un acto conmemorativo do Día Internacional da Muller o venres 15. Como todos os actos que se veñen celebrando dende que gobernamos, tanto arredor do 8 de marzo coma do 25 de novembro, foi aberto a toda a cidadanía. Pero, ademais, dende a Concellería de Servizos Sociais e Igualdade enviáronse convites por correo a todas as asociacións culturais e deportivas, ANPAs e grupos políticos, incluído o PSOE. Por certo que non vimos ao seu representante polo Centro Cívico nin recibimos comunicación algunha escusando a súa ausencia, o que resulta especialmente rechamante vindo de alguén que “bota en falta” unha convocatoria do goberno municipal para conmemorar o Día da Muller.

Unha vez máis, os socialistas de Malpica demostran que o seu é practicar política de taberna e de Facebook, e que mentres algúns/has traballamos, na medida das nosas posibilidades, por sensibilizar á sociedade e apoiar ás mulleres que o precisan no camiño cara a igualdade, outros falan sen saber, sen pensar e, o que é máis triste, sen ter en conta os sentimentos e as necesidades das mulleres que son vítimas da desigualdade.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Tags
Comentarios

Uns falan de igualdade e outros traballamos para conseguila