«No polígono, en vez de medrar as empresas, medran plantas invasoras»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCÍA

Natural de Cerqueda, o candidato do BNG en Malpica, Daniel García, cre que o estado do polígono malpicán é un «fiel reflexo» dunha mala xestión política e económica

16 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel García foi presentado o mércores como o candidato á alcaldía de Malpica polo Bloque Nacionalista Galego, un partido ao que leva vinculado dende os 17 anos. Natural de Cerqueda, agora suma 35 anos de idade e traballa como cociñeiro nunha escola infantil de Ribadeo (Lugo).

-Dobre responsabilidade: liderar unha candidatura e recoller a testemuña do finado Paco Souto.

-Non é que me impoña, porque coñecer a causa tamén axuda moito [ri]. Pero tamén é certo que se recolle nun momento delicado, no que fará case dous anos do falecemento de Paco, con todo o que iso supuxo para o BNG.

-Foi difícil de convencer para lanzarse a este novo reto, ou enseguida se lanzou?

-Estas cousas sempre hai que pensalas [ri], porque supón cambios importantes, pero é un proxecto que me ilusiona moito.

-Cre que a xente ten ganas dun cambio político en Malpica?

-Creo que queren caras novas e ilusión. Por aí debemos empezar.

-Considera que está desgastado o goberno local actual?

-A miña percepción é que falta un proxecto político definido para Malpica: creo que calquera persoa do concello o pode ver. A política municipal non poden ser só catro obras circunstanciais ou distribuír tales ou cales partidas do orzamento. Precísase dun plan integral e que chegue a todas as parroquias, sen discriminacións.

-En que liñas quere traballar?

-O primeiro é combater a decadencia na que está sumida Malpica, froito destes anos de políticas erráticas. Despois, habería que tocar un pouquiño todos os ámbitos: accións urbanísticas, culturais, deportivas, empresariais... Que todas elas contribúan a revitalizar o Concello.

-A que se refire cando fala de decadencia?

-O feito de non ser capaz de estar á altura doutras grandes localidades [equiparables a Malpica]. Vímolo na presentación dos candidatos de Bergantiños, hai uns días: en Carballo, cunha alcaldía do BNG, logrouse un modelo de transición e evolución. Hai que lograr exportar ese modelo ao resto de municipios da comarca, evidentemente adaptando e axustando as políticas a cada concello diferente.

-Que sectores cre que se viron máis afectados nos últimos anos?

-No porto tivo que suceder unha traxedia para que saísen á luz os problemas que hai na dársena. O porto ten que estar ao servizo dos mariñeiros, non ser un perigo para eles. Un reflexo dunha mala xestión é o estado do polígono industrial: en vez de medrar empresas, alí medran plantas invasoras. Así non hai maneira de fixar poboación, nin de crear empregos.

-E no referido á carencia en determinados servizos, como no apartado sanitario?

-Pois iso é algo que non é competencia local, pero se eu fose alcalde e na Xunta gobernase o BNG, tería loitado porque non se fixeran recortes tan abusivos na miña vila. Non hai desculpa posible. Eu tamén son traballador da Administración e sufro estes recortes na miña propia pel. Creo que se están facendo indiscriminadamente onde máis lle doe á xente, e vese que para outras cousas hai cartos dabondo.