Telón a media hasta

In Memoriam | Andrés Mourente | Escribe Xurxo Alfeirán


Desde mediados do mes de decembro levaba Andrés Mourente Castro loitando por superar unha doenza que o tiña postergado no Chuac. O fatal resultado desa desigual loita prolongouse ata antonte porque as enfermidades rematan vencendo, a pesar dos avances médicos, ata ós homes fisicamente máis fortes e de mente activa. Neses pasados días visitámolo convalecente no hospital e dicíanos que seguiramos aprendendo o papel, que axiña sairía daquel hotel para continuar cos ensaios da obra O testamento do tío Lelé que nos estaba a dirixir ao grupo teatral Os Amigos de Malpica. Xa nunca poderá ser da súa man, e ben que o sentimos.

O teatro era posiblemente a paixón máis intensa que Andrés posuía. Gardaba centos de obras en castelán e outras tantas en galego, sainetes e comedias fundamentalmente. As máis delas eran readaptadas por el para darllas mastigadas ao público coa finalidade de facelas máis asequibles, agradables e cómicas. Foi actor desde idade temperá no seu Mugardos da mocidade. Logo, dirixiu algún tempo grupos de rapaces e maiores en Baio e, desde hai moitos anos, levouno facendo ata o último momento en Malpica, cos grupos da Escola Municipal de Teatro (1974-95), creación individual ou a través Os amigos de Malpica desde o ano 2010 ata hoxe.

A poesía era outro gran pasatempo. Coplas e romances en castelán ou galego, perfectamente rimadas e cheas de figuras retóricas tiñan por destinatarios o Deportivo, o pobo de Malpica, algún veciño, os turistas que nos visitaban ou o seu querido can. Non era raro velo paseando polo porto escribindo nun papeliño os versos dalgún poema, que logo nos recitaba con verdadeira paixón. E a música a través do canto formaba parte tamén da súa vida. Foi tenor na Coral de Malpica, e sentimental cantor acompañante nos actos funerarios relixiosos nas igrexas da contorna.

Sempre se acompañou dunha comicidade seria. Era unha enciclopedia de chistes cos que ten participado en concursos de Radio Voz e na TVG, quedando finalista en O mellor con resultados satisfactorios entre o público, e nas presentacións dos festivais benéficos da vila esas cuñas xocosas eran un paréntese obrigado marcadacasa entre as actuacións.

Pero sobre todo foi unha máquina activa, un home con combustible súper, que mesmo facía de secretario da ANPA como cofundador e tesoureiro da Coral, animador dos excursionistas do Imserso como tamén de membro do xurado dos concursos de disfraces da vila, organizador das festas fin de ano e beléns viventes como personalizador de Papá Noel ou dun rei mago, recibidor dos participantes nas regatas Illas Sisargas ou pregoeiro das Festas do Mar.

Non en van, a asociación Malante iniciou con el en febreiro do 2017 a xeira de premios a persoeiros con toda unha vida adicada a Malpica. El, un naronés-fuengirolano-mugardés, arribou a este porto no 1971, recén casado con dona Maite, e en Malpica nacerían os seus tres fillos Gema, Helena e David.

O grupo Os Amigos de Malpica queremos render honor a este home malpicán ?como a el lle gustaba chamarse- bo, amigo e mestre. Para el baixou o pano. Descansa en paz, Andrés.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Telón a media hasta