José Ramón Varela Rey: «Foron nove anos de proceso que non llos desexo ao peor inimigo»

P. B.M. CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

José Ramón Varela Rey, excalde socialista de Malpica
José Ramón Varela Rey, excalde socialista de Malpica J. M. Casal

O exrexedor de Malpica polo PSOE foi absolto dun presunto delito urbanístico

21 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

José Ramón Varela Rey foi alcalde de Malpica, polo PSOE, entre os anos 1999 e 2011. En maio do 2018, e despois de nove anos de proceso, o titular do Xulgado do Penal número 1 de A Coruña absolveuno, xunto a outras persoas, dun presunto delito urbanístico. Non esquece ese tempo, con implicacións na saúde ou no traballo.

-Como viviu todo ese proceso? Como vive agora?

-A miña vida cambiou dende que me imputaron por algo do que non era culpable. O único fin era quitarme da alcaldía. Foron 9 anos de proceso que non llos desexo nin ao peor inimigo, ilóxicos. Situacións coma esta na que me envolveron non son dignas dunha democracia. Ver ao xuíz impartir xustiza dunha forma contundente fixo que me sentise aliviado e vise a vida dende un prisma distinto. De aí, incluso, a miña decisión de xubilarme [da docencia] aínda cando non o tiña previsto. Debíalle un tempo á familia e a min, para situarme de novo na sociedade da que me quixeran quitar.

-Que habería que facer para que non ocorrese isto?

-Primeiro, habería que dicirlle ao denunciado quen o denuncia, con claridade. Ter un criterio. Porque eu son dos que digo que algo sempre queda: a miña familia non tiña por que soportar certa opinión. Debería haber danos e prexuízos para aquelas persoas que sofren esta persecución inxusta. Habería que tomar medidas claras, e áxiles, que non teñan a unha persoa anos pasando por isto. Dende o momento en que te imputan estás case á marxe da lei para moita xente. A Xustiza, dunha vez por todas, ten que ser independente.

-Foi decisivo para pensar en apartarse da política?

-Nunca dixen que non volvería á política, porque creo que toda persoa que vive nunha sociedade plural é política. Sería dicir que non me interesan os problemas dos nosos cidadáns. Non me presento como candidato polo meu partido, pero terá o meu apoio e axuda.