No 130 aniversario do naufraxio do buque Priam nas illas Sisargas
APUNTES HISTÓRICOS | Onte venres, 11 de xaneiro de 2019, cumpríronse 130 anos do afundimento do vapor inglés
As Sisargas son un referente histórico na navegación atlántica. Tanto é así que, no momento da implantación dos faros modernos, pasaron a ser punto de luz imprescindible para todas esas embarcacións que sucaban este recanto costeiro. Son tamén testemuña de naufraxios que puxeron a proba a afouteza dos mariñeiros malpicáns.
Onte venres, 11 de xaneiro de 2019, cumpríronse 130 anos do afundimento do vapor inglés Priam. Partira do porto de Liverpool ás dúas da tarde do 7 de xaneiro de 1889 e, case catro días despois, ás 5 da madrugada do 11, esnafrouse contra as Olgas da Cistela, ao leste da Sisarga Mediana ou Malante.
Non era esa unha estampa inédita para os malpicáns da época dado que o 27 de outubro de 1885 naufragara fronte ao areal do Rias (parroquia de Cambre) o S.J. Siddon.
Quen queira coñecer polo miúdo a microhistoria deste barco e do seu naufraxio deberá acudir necesariamente a un libro impecable dos investigadores Xabier Maceiras e Fernando Patricio, De Liverpool ás Sisargas; a derradeira travesía do Priam (Edicións Embora), publicado no 2014 co gallo da conmemoración do 125 aniversario deste afundimento. Ademais desta publicación, desde o Concello de Malpica de Bergantiños celebrouse un acto protocolario co descubrimento dunha placa no Paseo da Area Maior.
A solidariedade malpicá cos 42 tripulantes e 5 pasaxeiros deste barco de ferro centrouse na acollida nas casas de quen logrou chegar san e salvo a porto. Pero tamén, de modo maxistral, no rescate nun amencer atemporalado no que varios patróns e mariñeiros non aforraron folgos ata recoller o derradeiro tripulante con vida que permanecese nun buque case engulido polas augas.
Os primeiros malpicáns en se lanzaren ao rescate foron os patróns Ramón Santos Torres e Roque Varela cos seus respectivos botes e tripulación.
Á altura da Pedra da Cuada (no cantil da Atalaia) divisan dous botes salvavidas do Priam: un que se dirixe cara ao porto e outro, con 20 náufragos a bordo, asolagado, cara á Area Maior. Recóllenos nas súas bucetas e lévanos a porto para atendelos.
Despois saen tres lanchas máis que se achegan ao Priam e recollen a 12 persoas que aboiaban preto del.
Por último, un terceiro reemprazo foi o do patrón Pedro Casal Gómez e o do mariñeiro Ramón Villar Figueira. Rescataron da ponte asolagada do vapor os dous últimos superviventes, o capitán Jackson e o encargado da iluminación, o sueco F. E. Onlón, tras media hora intensa de loita co mar e tirando dun cabo ao que se ataran os desesperados náufragos.
Pese a toda esa heroica actuación dos patróns e mariñeiros malpicáns, ben coordinada polo alcalde Pedro Loureiro, falecerían catro mulleres da pasaxe, catro tripulantes e o médico.
O bo facer destes heroes malpicáns foi premiado pola Sociedade Española de Salvamento de Náufragos. A Pedro Casal Gómez e a Ramón Villar Figueira concedéronlle a Medalla de Prata. E o Goberno británico, a través da Axudantía de Mariña de Malpica, tamén recoñeceu o elenco de rescatadores mediante o envío de medallas, diplomas, obxectos artísticos e unha gratificación en metálico.
Comentarios