«Fun xestado no Perú, nacín en Alacante e os meus pais son de Malpica»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Manuel Chouciño Pardo
Manuel Chouciño Pardo SANTI GARRIDO

O sacerdote Manuel Chouciño Pardo está «encantado» cos seus novos destinos en Tordoia, e tamén coa xente

23 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Chouciño Pardo (1975) é o novo párroco de Cabaleiros, Bardaos e Gorgullos, en Tordoia, ao lado do límite con Carballo e Cerceda. Veu de Alacante, pero toda a súa familia é de Malpica, a onde acode unha vez á semana para a catequese, e emigrantes ao Perú (outra parte a Suíza).

-Cal é a súa orixe exactamente?

-Nacín en Alacante. Meus pais estaban de emigrantes no Perú, en Chimbote. Decidiron volver no 75, pero miña nai estaba embarazada de min. Así que fun xestado en Perú, e nacín en Alacante de pais de Malpica.

-E por que, sendo de Malpica, escolleron Alacante?

-Polo clima. O máis parecido a Chimbote, en España, é o alacantino. Ten as mesmas estacións, a mesma temperatura, todo. E para aí foron, tras 12 anos en Chimbote. Aos tres meses de chegar, en marzo do 75, nacín eu. Alí non tiñan a ninguén, ningún familiar.

-Vaia aventura, case como marchar a Chimbote.

-Pois alí meu pai atopou traballo axiña. Antes era carpinteiro de ribeira en Malpica. Foi para o Perú porque alí déronlle traballo nun estaleiro potente, e xa no novo destino non tiña futuro no tema dos barcos e meteuse de albanel. Estivo de oficial ata que se xubilou. Foi toda unha casualidade. O normal sería volver para Malpica, pero buscaban un clima semellante.

-E vostede xa se criou e estudou en Alacante, non?

-Si. Estiven no Seminario Menor en Orihuela, e no Maior en Alacante. Dez anos nun, e catro noutro. Alí ordeneime, alí estiven de cura e alí sigo incardinado. O feito de estar aquí é un préstamo. Eu quería estar aquí con meu pai, quen ten 84 anos e regresou a Malpica, axudarlle a meu irmán maior, e saber que estou aquí ao lado.

-Ao lado non está, que de Tordoia ata Malpica aínda hai unha distancia.

-Eu pedín o que me deran, xa fan o favor de recibirte na diocese. Pero a min gustábame máis a posibilidade de entrar no mundo rural. Estiven en Alacante, na cidade, con proxectos sociais. Moitos anos co tema de Cáritas. Da cidade pasei a unha parroquia de costa, en Campello, onde botei tres anos. Despois, en Ibi e Tibi, de montaña, pero industrial. A min faltábame o rural. E isto foi o complemento que necesitaba para pechar o círculo.

-Fixo moito traballo na área social?

-Si, moitas cousas. Con enfermos mentais, tema de prostitución, no cárcere, levei un proxecto de mozos con risco de marxinalidade, estiven cos enfermos... Un pouco en todas partes. Faltábame a parte rural, e estou moi a gusto.

-Non lle parece que o rural galego ten moitas peculiaridades?

-Si, pero eu antes de chegar aquí xa coñecía algo, a miña familia é de Malpica. Xa sei que o mar non é o interior, pero polo menos sabes os costumes. E algúns son comúns, como o culto funerario, iso é universal en Galicia. Para a xente é moi importante que se traballe ben, que sexa moi solemne. E tamén é moi importante traballar cos mozos e cos nenos. Con isto estou traballando xa, apostando por eles. E tamén traballaremos coa catequese de adultos. Maiores e non tan maiores. Aposto moito polas reunións de grupo, pero tamén polo traballo personalizado, por recibir á xente. E ir ás casas, atender aos enfermos...

-Xente nova igual non atopa moita, polo despoboamento.

-Non te creas, empezamos hai pouco, e só para comuñóns temos uns 18 nenos, e logo están os de sexto de primaria e primeiro da ESO, que son 8 e van ser 10. De segundo e terceiro, outros 18. Intentaremos levar os de cuarto. E de bacharelato ata 23 anos, empezaron 40 catequese, sempre nas tres parroquias.

-E a nivel persoal? Como foi chegar a Tordoia?

-Moi ben. A sensación que teño é que non estou nun sitio estraño, estou coma na casa. Encantado. A xente de Tordoia é fantástica, e non é peloteo, son moi próximos e bos. E creo que se pode facer comunidade e familia, que é o que buscamos. A maiores, eu creo que perdemos moito tempo coas depresións dos traslados. E non podo perdelo. Teño unha responsabilidade: que non morra unha soa persoa sen os sacramentos, sen a visita do cura, sen o apoio na última conversa; que non pase unha xeración de nenos sen ter unha oferta por parte da Igrexa, que non haxa casos sociais sen resolver por falta de Cáritas... Todo iso é responsabilidade miña, e non podo ir amodo. Hai que mirar ao futuro. Se mirase ao pasado pensaría na parroquia que tiña antes de 14.000 habitantes, e na outra de 1.700. Agora teño 2.400 veciños. E teño a posibilidade de facer unha atención moito máis personalizada, intensa.