«Seguramente no Thyssen nos fagan máis encargos, porque se venden ben»

F. Rodríguez / M. López CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

O museo madrileño elixiu a Carmen Isabel Labrador, de Buño, para deseñar unhas ánforas inspiradas nunha obra do expresionista alemán Mac Beckmann e vendelas na tenda da pinacoteca

22 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi a primeira muller oleira de Buño, a primeira presidenta da asociación de artesáns da localidade, e agora as súas creacións son vendidas nun dos museos máis ricos en arte contemporánea do país. Dende hai un tempo na tenda do Thyssen Bornemisza locen unhas ánforas como as que Carmen Isabel Labrador (alfarería O Falsete) sostén na imaxe da dereita. Comezou cunha pequena remesa tras recibir o encargo, pero as pezas gozaron de tal acollida que xa se lle encargaron máis por parte da pinacoteca.

-Vaia escaparate para a olería de Buño...

-¡Mellor imposible! [ri]

-¿Como xurdiu este encargo tan especial?

-Son cousas da casualidade, como sempre. No verán, en agosto, veu unha xente a Buño que resultaron ter coñecidos no Thyssen. Pasado un tempo, chamaron preguntando se podiamos facer esa peza en cuestión. Mandáronnos unha fotografía do cadro e, na parte de abaixo, aparece esta xerra, de tons azuis e laranxas. Déronnos as medidas, fixemos unha mostra, mandámoslles unha imaxe e aprobáronnolo. ¡Foi así de sinxelo!

-¿Como reaccionou cando a chamaron do museo?

-Pois chamaron á tenda e a miña filla, que é menos tranquila ca min [ri], avisoume a min. ¡En realidade o que máis estraño se me fixo foi que lles valese esa primeira proba que lles fixen!

-¿Algunha vez recibiran un encargo similar?

-Que eu recorde, non, e menos para un museo, que te deixa sorprendida. Estar na tenda dun museo así é xenial.

-Un premio ao traballo ben feito.

-Se o queres ver así... [ri] ¡Debe estar ben feito, se lles valeu!

-¿Como é a peza?

-É unha ánfora bastante sinxela. O máis complicado é que leva dúas cores -dous esmaltes- que van a distintas temperaturas. Iso foi o que máis lata me deu. Estamos encantados co encargo a verdade, e ademais xa nos dixeron que se estaba a vender bastante ben, polo que seguramente encargarían máis pezas. Téñenas moi ben colocadiñas, porque ata lle poñen unha etiqueta co cadro no que están inspiradas. ¡Locen de carai postiñas alí!

-Levará algún indicador que faga referencia a Buño...

-Leva o cuño por abaixo, pero no etiquetado levan a imaxe do Thyssen, ¡que é o que lles interesa a eles! [ri]

-Sempre tentando levar o nome deste pobo oleiro por excelencia o máis lonxe posible.

-Por suposto. Algunha xente de Buño traballou xa para moitos sitios por aí adiante. Algo teñen que ter oído de nós, aínda que a nós nos pareza que non. Pero isto é un empuxón, non cabe dúbida. Estes días que se achegue a xente ata aquí e digan: «Vamos ata Buño, a ver que está pasando por alí, que seica teñen relacións co Thyssen» [ri].