«Non podemos sacar peixe e marisco para regalalo»

Daniel Formoso Moledo, presidente da Federación Provincial de Confrarías na Coruña, di que hai que escoitar á xente do mar antes de tomar decisións


RIBEIRA / LA VOZ

Armador bateeiro na actualidade, Daniel Formoso Moledo lembra que con 16 anos xa andaba ao mar e que traballou en distintos sectores e, incluso, tivo barcos do arrastre. Acaba de ser reelixido patrón maior de Muros e tamén repite como presidente da Federación Provincial de Confrarías na Coruña, na que afronta o seu segundo mandato.

-Estanse negociando novas cotas e parece que a situación está bastante complicada.

-O das cotas é un problema moi grave. Esta foi unha negociación que se fixo cando entramos na Unión Europea e creo que non foi axeitada. A flota galega perdeu moito peso e numerosos postos de traballo. Hai que buscar fórmulas para aguantar o que temos. Os barcos que se perderon xa non poden recuperarse, pero hai que manter os existentes. Penso que España fai o que pode, son 27 países e están as directrices que impón a UE.

-¿Arrastramos esa importante eiva dende entón?

-Outros países con menos peso pesqueiro saíron moi beneficiados. Boa parte da flota do arrastre portuguesa comprárona galegos, e fixérono para ter cota e poden traballar. Só coa captura de cabala sacan adiante o ano. Estamos apertando de forma continua á UE. Hai barcos que amarran porque non teñen tope para seguir faenando e outros que o mercan ou o intercambian. Hai medidas que son ridículas. Por exemplo, agora está aberta a centola e a raia está pechada. Se algún barco a colle ten que tirala ao mar. Sucede o mesmo cando se impón a veda da xarda. Barcos que traballan en augas interiores non poden capturala, cando iso daríalles para vivir.

-Outro problema é o que está a pasar coa sardiña.

-Non estamos de acordo cos científicos. Eu falo cos mariñeiros, e hai sardiña. Considero que deberían escoitar máis á xente do mar. Nos despachos planifícanse moi ben as cousas, pero a realidade é distinta. Sabemos que hai anos que pode haber menos sardiña, que hai ciclos bos e malos.

-Afirma que a flota perdeu peso, ¿cada vez resulta máis difícil dedicarse a esta actividade?

-A xente vaise porque non gaña o suficiente. Hai problemas para encontrar profesionais. Portos como O Pindo, Lira, Malpica, Laxe, Fisterra ou Muros perderon moito. No Cantábrico noroeste había 200 barcos hai 15 anos e agora non quedan 80.

-As veces son os propios mariñeiros os que propician que haxa un exceso de oferta.

-Non podemos sacar peixe e marisco dos caladoiros para regalalos, e esperemos que a xente nova se mentalice neste sentido. Os compradores si saben regular os prezos. Nas lonxas hai oscilacións moi grandes nas cotizacións, pero no mercado, en circunstancias normais, non se producen esas diferenzas.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

«Non podemos sacar peixe e marisco para regalalo»