Mario Regueira iníciase na poesía erótica co premio Illas Sisargas

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

BASILIO BELLO

Literatura, lembranza, gastronomía e olería estiveron presentes na Cea das Letras, peche da 13.º edición do certame de Malpica

05 nov 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Creo que sempre houbo algo de contido erótico na miña obra, pero penso que sen este certame nuncha chegaría a facer un poemario destas características». Son palabras do escritor ferrolán Mario Regueira, gañador da 13.ª edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, convocado dende Malpica pola asociación Caldeirón en colaboración co Concello. Este novo premio -dado que a obra acabará sendo editada- vén a aumentar a colección da editorial Caldeirón, única neste xénero, pero vén tamén, pois, a sumar un autor para o verso erótico.

BASILIO BELLO

O fallo do certame fíxose público na noite do sábado durante a Cea das Letras celebrada na Casa da Cultura de Seaia. A xeito de colofón, este encontro serve non só para anunciar a obra gañadora do ano, senón para presentar impresa a galardoada na pasada edición. Así, todos os presentes foron agasallados con Diáspora de amor balea, da autoría de Andrea Nunes (Marín, 1984) e María Rosendo (Vigo, 1984). Ao contrario que na lectura do fallo, cando só puidera estar María, o sábado acudiron as dúas a Seaia, deleitando aos presentes -entre eles, a deputada no Congreso Alexandra Fernández- cunha lectura a dúas voces dalgúns dos seus poemas. Amosáronse moi satisfeitas pola edición e presenza do libro.

BASILIO BELLO

Paco de Tano, presidente da asociación cultural Caldeirón, foi o encargado de desvelar o título da obra premiada neste 2018, Marco Livornio. Cualificou o traballo de Marcos Regueira como «un sorprendente percorrido por relacións eróticas diversas e plurais, nun ton épico, case elexíaco». «Un libro bastante especial e bastante estraño», foron as palabras do propio autor acerca da súa obra, que aborda o erotismo dende unha perspectiva homosexual. El, que xa ten gañado outros moitos certames, e que ten escrito dende relatos a versos ou mesmo ensaio, adiantou en Seaia dous poemas e tivo tamén unha lembranza para o falecido poeta Paco Souto, no seu día un dos impulsores do certame Illas Sisargas. Gustaríalle, dixo, ter compartido a Cea das Letras con el: «Non cheguei a tempo». Pola súa banda, o alcalde de Malpica, Eduardo Parga, reiterou o compromiso municipal co certame, para o que o Concello aporta os 1.000 euros do premio, que tamén inclúe a publicación.

BASILIO BELLO

Na Cea das Letras houbo, aínda, máis literatura, dado que Xabier Xil presentou o seu poemario Detéxtonos, na compaña de Leo Arremecághona á guitarra. As viandas, entre as que destacaban as filloas á pedra feitas por Ana Pereiro, de Zas, servíronse todas elas en olería de Buño. Esta artesanía identitaria, ademais, foi entregada como detalle a galardoados e xurado, integrado por Paco de Tano, Eduardo Estévez, Elvira Riveiro e Antón Noceda, este último como secretario.