As falsidades de Cañizo

La Voz TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

21 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O goberno municipal de Malpica quere saír ao paso das falsidades difundidas polo portavoz de AIM polo suposto impago dunha factura de 3.500 euros, IVE incluído, pola instalación do alumeado de Nadal do ano 2017. Os informes trimestrais de pago a provedores, dos que todos os concellos dan conta ao Ministerio de Facenda, demostran que o de Malpica cumpre de forma escrupulosa coa lei.

Segundo o último informe, publicado no portal de transparencia, correspondente ao segundo trimestre do ano, o Concello de Malpica pagou aos seus provedores nun período medio de 1,31 días, e ao peche do trimestre non tiña ningunha operación pendente de pagamento.

Con respecto á factura en cuestión, o portavoz de AIM demostra ter moito interese en que se paguen 3.500 euros, cos cartos dos veciños, a unha empresa que este goberno non contratou. Como o señor Cañizo debería saber, ata marzo, o Concello de Malpica tiña un contrato de mantemento do alumeado asinado cunha empresa de Carballo. Incluíase a instalación dun determinado número de arcos festivos.

No Nadal do 2017 decidiuse ampliar o alumeado para estendelo a distintas parroquias e espazos públicos, e ese traballo a maiores encomendóuselle á empresa encargada do servizo naquel momento. Segundo soubemos posteriormente, a empresa en cuestión alugou os arcos luminosos a unha firma de Arteixo, pero en todo caso ese traballo debería pagalo quen o contratou, non o Concello, que non ten ningunha relación con esa empresa de Arteixo.

E aínda que así fose, en ningún caso se pagaría un traballo que non se fixo, porque nin se colocaron todos os arcos pedidos, nin os que se puxeron chegaron a funcionar correctamente. Se revisamos as actas do pleno seguinte comprobaremos que tanto os concelleiros de AIM coma o do PSOE protestaron porque o alumeado público non funcionaba. ¿Pagaríalle o señor Cañizo a unha empresa por un traballo que non fixo? Pois se iso o fai unha Administración podería ser constitutivo de delito.

Unha vez aclaradas as mentiras do voceiro e concelleiro de AIM só queda por comentar que os salarios dos cargos públicos están regulados por lei. O do alcalde de Malpica está moi lonxe deses 4.000 euros dos que fala, e non só se axusta á lei, senón que é exactamente o mesmo que cobraba o señor Cañizo cando formou parte do goberno municipal, pero vese que daquela non lle parecía tanto. Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica de Bergantiños.