TRIBUNA ABERTA DE EDUARDO PARGA | Sobre a piscina de Malpica


Señores do PSOE, falemos da piscina. A mensaxe non vai destinada tanto a vostedes coma aos veciños aos que intentan manipular continuamente coas súas falsidades e o seu populismo. E falemos claro.

Non foi este alcalde nin este equipo de goberno o que deixou sen rematar unha obra faraónica, que custou máis dun millón de euros e que é un dos exemplos máis evidentes do fracaso do Plan E por carencias coma estas: Non ten enganche de luz legalizado. No seu día abriuse co enganche de obra e un cable amarrado a un poste. Non ten permiso de Sanidade. Non ten a instalación de gas legalizada porque parte da canalización pasa por terreos privados, polo que o Concello non pode acreditar a titularidade do solo. E non foi este goberno quen puxo os tubos por alí. O vaso de chapoteo para nenos non cumpre as medidas de seguridade. O grande ten incompleto o sistema de depuración. O único acceso á instalación é peonil e a través de escaleiras, non accesible. Non hai acceso rodado porque os terreos son privados. No caso dunha emerxencia non poderían acudir nin unha ambulancia nin un camión de bombeiros.

O vaso principal ten unhas dimensións de 25 metros de longo por 6,30 de ancho, só 3 calles. Nestas condicións, impartir cursos é case imposible.

Ao día seguinte de ser elixido alcalde fun ver a piscina cos técnicos, cos que, por certo, non se contara en ningún momento. A súa recomendación foi que a pechara dados os graves incumprimentos que existían.

Falemos agora de números.

Segundo un estudo feito pola Universidade de Santiago, o custe anual de mantemento sería de 360.000 euros. Habería que engadirlle o orzamento para as obras que aínda faltan por facer para legalizala. E tal como está deseñada precisaríamos dous socorristas por quenda, xa que, aínda que se trata dun recinto de pouco máis de 300 metros cadrados, ten dúas zonas separadas por un tabique que impide a visibilidade e, polo tanto, que un só socorrista poida vixilar.

Aínda asumindo o Concello a metade do custe, cantas persoas deberían ser socias e canto deberían pagar para garantir a viabilidade do servizo? Tan doado non debe ser cando de todas as empresas que se interesaron pola xestión, unhas cantas, a ningunha lle pareceu rendible.

Poñámonos no caso de que o Concello asume ese custe, como parece que propón o PSOE. O que non di é de que partidas do orzamento recortamos. Pregunteillo ao concelleiro no pleno e non soubo contestar. Por certo que os socialistas non presentaron emenda ningunha aos orzamentos.

E que imos facer coa piscina?

Cando cheguei á Alcaldía, o Concello estaba nunha situación económica desastrosa, froito da crise e dos excesos de anos anteriores, e iso obrigounos a tomar medidas drásticas de contención do gasto. Agora está saneado e solvente, non imos levalo de novo á ruína. Claro que nos gustaría abrila, é o que hai. Por iso xa no mandato anterior empezamos a realizar de obras para os servizos e as melloras que precisa. E seguiremos investindo para rematar a obra.

Autor Eduardo Parga Alcalde de Malpica

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

TRIBUNA ABERTA DE EDUARDO PARGA | Sobre a piscina de Malpica