«Sempre me preocupei por ler»

Cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

José Manuel Casal

O dono do Novo Castelao, José Barizo, fixo amizade con Neira Vilas, ao que levou ás Sisargas

21 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O armador do Novo Castelao ten 76 anos. Hoxe será o protagonista en O Couto (22.00 horas) de Encrucilladas, que terá como novidade o apartado Cousas da Vida. José Barizo foi amigo de Neira Vilas e mantén relación con moitos escritores da zona.

-¿Cómo coñeceu a Neira Vilas e a Anisia Miranda?

-Leveinos á illa (refírese ás Sisargas) ao faro. Viñeron a Malpica por Xosé María Varela. Fixémonos unha fotografía, no alto, na serea de dinlles unha volta todo arredor, a modo, falándolles das pedras nas que eu collín percebes desde os 11 anos ata os 30. El apuntou os nomes e creo que os puxo nun libro. Despois viñeron, creo que canda a Mostra da Olería, e quedaron na miña casa unha semana ou dúas. Comían no San Francisco, pero ceaban e almorzaban na casa. E paseabamos tamén.

-¿De que falaban?

-¿De que vai ser? Do mar. Contáballe moito do mar, da miña infancia, de como pasei fame porque eramos 8 irmáns e viviamos nunha casa de 18 metros cadrados, no cruceiro, baixando para a porto, sen váter, sen auga, tapados con cachos de mantas....

-¿E el?

-Tamén dos seus pais, de cando collía millo e trigo tiñan moito coidado de reservalo, porque nas festas gastábase moito... De cando mataban ao porco. Fun varias veces a casa del, moitas veces, con Paco Abella... Anisia era moi cariñosa, un encanto de muller, ía coa miña muller sempre de ganchete. Cando estaban na casa sempre estaban mirando ao mar, como collían o polbo...

-¿Como vai a pesca?

-Vai mal, é un caso serio cos recortes. Non hai un caso no mundo, en todo o mundo, como o que lle está pasar ao cerco. Danme 25.000 euros e xa gasto máis de 30.000 en gas, e todo para dez homes. Como un científico de Toledo ou un especialista de Guadalajara han de dicir o que se pode pescar ou o que non. Eu sei algo disto tamén, levo toda a vida na universidade do mar e podo opinar. Enroleime no ano 53 de cargador con 15 anos e no ano 60 xa era patrón. Levo 50 anos na ponte dun barco e aínda que o outro sexa un científico eu podo aportar algo. A pesca é como o fútbol, hai mariñeiros de terceira e mariñeiros que son coma Messi ou Ronaldo. Tamén pasará cos científicos... O que hai que facer é ter en conta as opinións dos bos.

-Vostede sempre foi un pouco revolucionario.

-Gustaríame que Malpica fora un pobo no que ninguén fora explotado ou explotador. Sempre fun progresista e loitei polo benestar do mar e do pobo. Nunca me emborrachei, quería facer un mundo mellor.

-E na cabeceira da cama ten «Sempre en Galiza».

-Teño ducias de libros. Agora teño que poñer gafas e non leo tanto. Antes ao mellor estaba ata as tres da mañá. Collo o 90 % porque hai palabras que non as entendo, pero o que le sempre colle algo, aínda que sexan cinco palabras. Eu non fun á escola, non puiden facer a primaria, pero sempre me preocupei por ler.

-¿Por iso se relaciona con escritores?

-Lévome ben con Xan Fernández Carrera e coa súa filla, e con Paco e Xelucho Abella e con Concha Blanco. Un día fomos comer a Balarés con ela e a súa filla, María Canosa. Lévome ben porque colaboro, porque son falador, correntón, como dicimos en Malpica.

-¿Está contento con que Pedro Sánchez sexa presidente?

-¡Non vou estar! Como non estea o PP xa vou contento. Sempre me gustou a política, son de esquerdas total, pero non extremista. Non son revolucionario.

-Algo si.

-Non son coma o Che... Precisamente agora estou vendo un póster del...

-¿Teno na casa?

-Si

-Pois iso.