«A Mostra para os oleiros son días de festa, de venda, de ver Buño cheo»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Jose Manuel Casal

Hoxe, ás 17.30 horas, bota a andar o programa da 35.ª edición do encontro artesán. Fala o secretario da entidade organizadora, Eloi Mancebo

20 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Nove días cargados de artesanía, de festa, de comida e de tradición». Así é como Eloi Mancebo, secretario da Asociación Oleira de Buño, define isto que se aveciña e que xustamente empeza hoxe, a Mostra de Olería, da que falou onte en Radio Voz Carballo. Nada menos que 35 anos de encontro conmemorados con propostas de sempre, pero con novidades. Eloi, nado no 75, ademais de oleiro e artesán, ten sido e é deseñador gráfico. Falaba hai un tempo da necesaria diferenciación á que agora hai que acollerse na artesanía, así que serán estes días para comprobalo. Unha oportunidade, ademais, para viaxar no tempo con certas propostas, como a Ruta dos Fornos do mércores, moi interesantes para coñecer un proceso que leva o seu tempo: «A veces a xente chama: ‘Mándame tres para mañá’. Está acostumada a Amazon e pensa que é dun día para o outro, pero isto é diferente. Se non o tes feito, para mañá non pode ser», ri. Unha demostración ao vivo do que é a olería puido verse onte na Praza carballesa, no mercado, da man do artesán do ecomuseo, José Antonio Corral.

-Artesanía, moita artesanía.

-Si, e intentamos todos os anos mudar algo. Este ano quixemos levar a Mostra á rúa e foi así que se cortou un carril da principal, a Santa Catalina. Aí estarán as 16 casetas, con outras artesanías, ademais da olería de Buño.

-É unha das novidades, pero tamén cambiaron as datas.

-Fixemos unha aposta por pasala a xullo, porque xa se sabe que en agosto en Galicia abundan festas, romarías e moitos actos. Hai anos, digamos, o único evento potente que había nese tempo era este, a Mostra, pero pouco a pouco fómonos rodeando doutro tipo de programacións, e iso afecta. De aí este cambio dende a primeira quincena de agosto á segunda de xullo. Cremos que vai resultar algo positivo. O que queremos é que a feira medre e, ademais, sempre a quixemos traer para o pobo, que este se beneficie dos turistas e visitantes. É dicir, que ao tempo que veñen ao barro pois tamén merquen o pan, vaian ao súper, tomen algo ou coman aquí en Buño. Atraer xente para o noso e tamén para o resto.

Ana Garcia

-¿Que significa para os oleiros esta Mostra?

-É unha cita que estamos esperando todo o ano. A estrada afectounos ao que é o día a día, á semana, aínda que a maioría dos talleres traballan para fóra e na fin de semana si que hai máis xente. Polo tanto, a Mostra para nós son días de festa, de venda, de ver Buño cheo. Unha ilusión que se siga facendo, aínda que sexa complicado. Tantos días, tanta xente, visións distintas que hai que organizar, aínda que sempre damos co xeito. Estes anos estamos dándolle uns toques máis modernos, tanto na programación, como nos carteis ou na imaxe. Tamén os talleres cambian as súas pezas, as casas cambian e polo tanto a Mostra ten que cambiar tamén.

-¿Que destaca deste día inicial e desta primeira fin de semana?

-Este venres [por hoxe] a partir das cinco e media será a inauguración, con Raigañas, autoridades, oleiros... Temos despois un guateque [dos 80] ao que lle teño moitas ganas, porque será como rememorar Mostras antigas, das primeiras. O sábado [mañá] será especial, coa cocedura tradicional, onde a xente poderá ver como se enforna, como se coce... Logo, sobre todo, a Festa da Carroa, unha festa que organizamos os oleiros na que a xente pode vir comer e beber a fartar. Levan un prato e unha cunca de Buño. Estase moi ben ao lado do forno, cos rescoldos, temos unha temperatura óptima. Tanto o sábado como o domingo, tren turístico. Logo, citas como a IlustraMOB do xoves, que traerá a un bo número de ilustradores, para compaxinar as dúas disciplinas. A Festolería do venres, cun bo número de grupos, de novo o tren turístico do sábado, outra ruta de fornos e algo que, aquí, ten moito tirón, a queimada tradicional. Para o domingo 29 quedará o peche, a clausura, cunha sesión vermú con Trópico de Grelos, a actuación de Xacarandaina pola tarde... Para non perderse nada, o mellor é facerse amigo de Olería de Buño en Facebook, porque aí terá cada día a programación, os horarios, as actividades...