A política deportiva do AIM

Eduardo Parga TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

09 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A política deportiva do portavoz de AIM consiste en criticar nos plenos a apertura do ximnasio municipal porque prexudica ao seu cuñado, como ten dito en varias sesións, e en intentar sacar tallada da difícil situación na que se atopa a SCD Malpica. Pode vostede culpar ao goberno municipal e ao alcalde de todo, ata de que chova ou quente o sol, pero estamos agardando a que, por unha vez na súa vida, faga algo máis que falar e se dedique a traballar.

Que nós saibamos, a SCD Malpica é unha entidade privada, integrada por persoas que voluntariamente deciden ser socios ou socias, e que son os/as que chegado o momento poden presentar as súas candidaturas á xunta directiva.

Desde o Concello de Malpica seguiremos apoiando ao equipo da nosa vila, coma ao resto dos clubs dos concello. Non pode vostede falar de pouca colaboración cando no último orzamento incrementamos a partida de subvencións a entidades deportivas. Segundo o seu razoamento, se o Malpica desaparece «pola deixadez e pouca colaboración que ten do Concello» tamén deberían desaparecer o Buño, o Cerqueda, o Leiloio ou o Seaia.

Disparar contra todo

Non fai falta que o alcalde sexa deportista para apoiar o deporte, do mesmo xeito que non ten que ser enxeñeiro para contratar a obra dunha estrada. Desde a área de Deportes non só vimos apoiando aos clubs de fútbol, senón que traballamos estreitamente con eles para que poida haber equipos de base que fomenten a práctica deportiva e a vida saudable entre os pequenos; colaboramos con todas cantas iniciativas promoven as entidades do noso concello, desde o fútbol ata o surf. Poñemos as instalacións deportivas a disposición das entidades de balde, e ademais traballamos para mantelas nas mellores condicións e que garantan, coma no caso do ximnasio, o acceso ao deporte de toda a poboación.

En resumidas contas, un día son os pediatras, outro a Garda Civil e agora tocáballe á SCD Malpica. O caso, señor Cañizo, é disparar contra todo. Teña coidado, non vaia ser que algunha bala lle volva de rebote.