O abandono do Malpica club de fútbol

Alfredo Cañizo Garrido TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

07 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O equipo de fútbol de Malpica está a piques de quedar sen directiva por moitos motivos, e un deles é pola deixadez e pouca colaboración que ten do Concello. O municipio dispón de varios clubs: Buño, Cerqueda, Leiloio, Seaia e, todos eles, participan en distintas ligas federativas, pero o concelleiro de Deportes nin se preocupa do estado da situación da maioría destes equipos e as subvencións non aumentan cando si aumentan os gastos dos equipos.

O Malpica atravesa un momento delicado que, incluso, pode levar a súa desaparición. Pero isto non parece preocuparlle ao actual responsable de Deportes, que na actualidade recae na figura do alcalde, que non pode presumir precisamente de ser un gran deportista ou un gran amante do fútbol. Cando unha persoa non pode exercer unha concellería debería nomear a outra do seu grupo, que estea capacitado, e, deste xeito liberar a súa carga de traballo. O Malpica é o actual propietario do campo da Pedra Queimada, aínda que se fixera no seu día cunha cesión provisional para recibir unha subvención e proceder así á mellora por parte do Concello. E non se pode permitir a perda da directiva, xa que isto levaría á perda implícita da propiedade do campo de fútbol. En fin, hai que darlle unha resposta a este club, aínda que sexa tarde, mal e arrastro e pedirlle aos actuais directivos que continúen ao fronte do club ata resolver todos estes problemas. Alfredo Cañizo Garrido, concelleiro e voceiro de AIM.