Cincuenta anos dun drama

Eduardo Parga Veiga DISCURSO DEL ALCALDE

MALPICA DE BERGANTIÑOS

06 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mañá cumpriranse 50 anos do comezo dun drama, do que entón, ninguén previra as dimensións que chegou acadar. Quixo o infortunio que aquel despropósito nos tocara moi preto, co asasinato do veciño de Malpica e garda civil José Antonio Pardines Arcay. Nas seguintes décadas, centos de vítimas do despropósito terrorista viron truncada a súa vida pola dor e o sufrimento, e non poucos a perderon. A maioría por permanecer no seu posto de traballo, defendendo a seguridade e liberdade da que gozamos todos; outros, simplemente, por estar, no lugar equivocado, no momento en que a cegueira asasina sementaba odio en forma de vidas segadas.

A vontade asasina de ETA cebouse nas forzas e corpos de seguridade, especialmente na Garda Civil, pero tamén en representantes da cidadanía nas institucións democráticas, cidadáns e mesmo menores de idade. A sociedade no seu conxunto foi obxectivo da loucura asasina do terrorismo etarra. Pasadas cinco décadas, o traballo inxente da Garda Civil e do resto de forzas de seguridade, non exento de peaxes en vidas humanas, xunto co espertar da conciencia cidadá fronte á barbarie asasina de ETA, deron como resultado a derrota da ultraxe xenocida.

Parece que máis pronto que tarde, chegará o momento de pasar páxina e volver a gozar da normalidade, e sen máis avatares que as dificultades da vida cotiá. Pero xamais debemos esquecer a todos e todas os que pagaron coa vida, a perda de seres queridos, ou corpos e mentes quebrados, a loita contra o odio e a barbarie. Todos eles, incluídos o axente José Antonio Pardines Arcay, deben estar permanentemente na lembranza do conxunto do noso pobo. Eduardo Parga Veiga, alcalde de Malpica.