«Malpica ten, todo ten...»

La Voz TRIBUNA ABERTA

MALPICA DE BERGANTIÑOS

01 jun 2018 . Actualizado a las 13:41 h.

«Malpica ten, Malpica ten todo ten...». Así comezaba a canción que a mestra Carmiña Garrido compuxo con todo o agarimo para que se lembrase sempre a súa vila.

A pregunta é: ¿Qué queda de todo aquilo? Bos oleiros na parroquia de Buño, que viron como se pechou a Casa do Oleiro e que teñen que espelir para manterse a flote sen apenas axudas das Administracións.

Terra adentro hai labradores... Pero cada vez cóntanse menos. A vida no agro non é moi doada, e mesmo non se ven os carros cos produtos baixar cada día vender no Mercado Municipal, unha sombra do que un día foi.

No seu porto hai mariñeiros... Que se ven impelidos a ir vender o peixe á Coruña maiormente, porque a comercialización no noso porto é cada vez menos rendible.

Tamén tiñamos as praias, a costa, este litoral fermosísimo que nos converte en punto de atracción turística para moita xente. Sería de supoñer que, sendo como é unha das principais fontes de ingresos da vila cabeceira do Concello, e que repercute en todo o entorno, se farían esforzos para polo menos coidar este sector, dado que o «polígono» é un cadáver na realidade.

Pois ben, outro éxito máis que engadir no haber do noso goberno municipal... Repasamos o listado de bandeiras azuis da comarca de Bergantiños, e atopámonos o que nos atopamos. Malpica está nesta cuestión á altura do municipio de Coristanco, que xa ten mérito... por parte de Coristanco. A única bandeira azul que veremos este ano en Area Maior será a do Clube de Fútbol Nacional.

Non nos queda outra que felicitar efusivamente ao equipo de Goberno por este éxito indubidable. Referímonos, claro está, ao equipo de goberno de Coristanco, que logrou ter o mesmo número de bandeiras azuis que o noso. ¡Deus nos colla confesados!

Sergio García Villar, voceiro do grupo municipal socialista no Concello de Malpica.