«Eu era o manitas de todo o pobo»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

Os veciños de Malpica acaban de recoñecer o labor de Carlos Otero como operario de servizos

21 mar 2018 . Actualizado a las 13:14 h.

Poucas veces un veciño é acredor dunha mostra de cariño popular tan merecida como a que o pasado domingo recibiu Carlos Otero Arévalo (Bergondo, A Coruña, 1945) no Centro Cívico de Malpica. «Cremos que o ten ben merecido, por axudar a que a vida cultural de Malpica saíse adiante durante moitos anos, ademais do seu carácter afable e marabilloso», din desde a Asociación Cultural Malante, organizadora da homenaxe.

-¿Cal foi o motivo polo que chegou a Malpica no ano 1978?

-A familia da miña muller é oriúnda de aquí. Meu sogro era Militar da Marina e estaba destinado en Sada, onde coñecín á miña muller. No ano 1964 marchei para Francia e estiven aló tres anos facendo o servizo militar. De volta no 1969, casei en Bilbao coa miña dona, e xuntos volvemos a terras francesas ata o 1978, ano no que asentamos definitivamente en Malpica.

«A min xa me gustaba o ambiente de Malpica cando viñamos de vacacións»

-¿Por que elixiron a vila?

-Tiñamos aquí algúns familiares dela. A min gustábame moito o entorno e ambiente cando viñamos de vacacións. Eu era carpinteiro de profesión, polo que decidín montar un negocio, aínda que non me foi moi ben con el. Logo tiven a sorte de que no Concello ofertaron unha praza para un empregado de servizos múltiples. Presenteime e obtiven o traballo. Desde aquela foime sempre ben.

-¿Como lembra aqueles inicios como traballador do Concello?

-Moi satisfactorios. A min deixáronme sempre traballar ao meu aire. Facía de todo, desde carpintería, electricidade, conducir coches, pintar sinais, poñer espellos nas estradas municipais ou organizar a limpeza de praias. A parte diso, tamén colaboraba co departamento de cultura e deportes. Cando eles precisaban dalgunha infraestrutura, era eu o que me ocupaba de poñer o escenario, os valos, a megafonía... Así mesmo, encargábame do mantemento nas escolas, nos centros sociais e de saúde. Cando rompía un cristal ou había que cambiar unha lámpada, alí estaba Carlos. Eu era o manitas do pobo! [ri]

«Estoulle moi agradecido á Asociación Malante polo premio que me acaban de dar»

-Precisamente por iso, pola súa plena dedicación, lle fixeron a homenaxe este domingo.

-Si, estoulle moi agradecido á Asociación Malante. Este premio é para ás persoas que dedican a súa vida á vila, e coma min había outros moitos candidatos. O xurado votou en unanimidade pola miña candidatura, e aquí estou, moi contento.

-Refírense a vostede como o home que sempre ten un sorriso na boca e nunca un non por resposta. ¿Cal é o segredo?

-Aprendín bastante polo mundo adiante. Lembro que eu era un rapaz testán. Como levei bastantes «labazadas» e rexeitamentos nesta vida, chegou un momento no que decidín cambiar e remodelar a miña vida. Non podía seguir así porque ía por mal camiño, polo que acabei sendo así, e satisfeito de que se me recoñeza.

-Unha das súas grandes afeccións é o teatro. ¿Sempre lle gustou o de subirse ao escenario?

-Un señor de Mugardos que tamén vive aquí conseguiu facer unha xuntanza entre amigos para representar obras. Entre eles incluíume a min. Gustábame moito, pero tiven que deixalo por problemas familiares.

-¿Sintese ben vivindo aquí?

-Si. De Malpica destacaría o ambiente típico que non vexo noutros lados. Non me arrepinto para nada de quedar a vivir aquí. Estou moi a gusto.