Oratorios de Malpica, un patrimonio enmudecido

JUAN FÉLIX NEIRA PÉREZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

JUAN FÉLIX NEIRA

Estes elementos puideron desaparecer a ducias na Costa da Morte, xa que quedan poucos

20 mar 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera concello de Galicia conta por ducias os cruceiros e cruces que pautan prazas, encrucilladas, camiños e valados. Oratorios e petos de ánimas ou esmoleiros, malia non seren rarezas, abundan menos.

Na Costa da Morte é Malpica terra privilexiada en oratorios, elementos patrimoniais que puideron desaparecer a ducias nos restantes concellos. Precisamente, cruceiros, cruces e oratorios constitúen unha das mellores probas de que incluso o patrimonio catalogado pola Administración e ben divulgado presenta zonas en sombra con información inédita, que corre perigo de perderse para sempre. Por exemplo, o inventario de cruceiros da Deputación Provincial da Coruña, en catro voluminosos tomos, amosa esta deficiencia: dise que presentan inscrición, pero os catalogadores renuncian a intentar descifrala.

Outras publicacións -xerais ou monográficas- sobre o patrimonio da comarca manteñen a tendencia a obviar a elemental información que achegan as inscricións, cando non a afirmar erroneamente que non as teñen.

Se descartamos o oratorio moderno de Seixas, catro hai en Malpica bicentenarios. A decoración escultórica dalgún deles non carece de interese, pero é imposible abordala en tan curto espazo.

Tres oratorios destacan polas interesantes epígrafes inéditas, que hoxe publicamos aquí por vez primeira. Do que hai no lugar do Oratorio (Mens), escribiuse que presenta «decoración de follaxe, beireando o fornello superior, típica barroca». Pero eses sinuosos trazos non son follas, non, senón letras cursivas: «Como me bs te brs. Verds de las anims. Teac». Desciframos así: «Como me ves te verás. Veredas de las ánimas. Teac».

A primeira frase, advertencia de que a morte chega para todos, repítese a miúdo neste tipo de contexto fúnebre; lémola no camposanto de Bamiro ou nun lintel aproveitado para a casa da fábrica de Nande.

Vereas

As vereas son os camiños antigos nos que se atopaban estes oratorios concibidos para rezar polas ánimas; aínda hoxe pervive o topónimo A Vereda na parroquia pontecesá de Tella. Podemos dicir, pois, que este oratorio nos revela a existencia dun topónimo malpicán descoñecido: a Vereda das Ánimas, denominación por certo documentada noutros puntos da xeografía peninsular. Pero hai outra interpretación tamén plausible: verdades das ánimas. A enigmática palabra final debemos renunciar a descifrala: son as iniciais do nome e apelidos do doante. É unha mágoa a ausencia de data, pero o tipo de letra e a decoración en relevo (Virxe das Dores) remítennos ao século XVIII. Si conserva o lugar no que ía encaixado o peto para as esmolas.

Cancela de Areas

O oratorio da Cancela de Areas (Malpica), similar ao de Mens, leva tamén máis de dous séculos mudo. Fagámolo falar, pois: «ANO 1801. O ANYMS DE PR. esta obra yzole Dn Phe P R S N J Y M Y J N». Isto é: «Ano 1801. Oh, ánimas de purgatorio. Esta obra hízola Don Phe…», e seguen as iniciais dos que encargaron a capeliña, neste caso varias persoas, tres polo menos. Lucía Rama Garrido, veciña do lugar, informa de que hoxe segue vixente o culto, con misa anual incluída, non ás ánimas, senón á Virxe de Fátima, que viñera «andando desde Portugal», segundo din os vellos.

O desleixo sufrido durante décadas polo noso patrimonio explica o triste estado do terceiro oratorio, localizado no lugar da Pontella e no camiño que leva ao de Mens, preto da parroquial de Santiso de Vilanova. A pesar das mutilacións e do infame cemento, lemos aínda: «… de Francisco Martínez. Ano de 17…». É dicir: o doante, malpicán seguramente el, tamén do século XVIII. Atopábase hai décadas no medio da praza, como recorda aínda a veciñanza de maior idade; despois foi trasladado ao lugar marxinal que hoxe ocupa, indignamente flanqueado por un contedor de lixo e unha marquesiña. Por último, o peto de ánimas que se atopa preto da capela de Santo Antón ou das Neves non presenta gravado ningún, aínda que tamén revela indicios de ter sido bastante restaurado.

En fin, os catro oratorios malpicáns presentan unha morfoloxía moi similar, de modo que poderiamos falar dun oratorio «tipo Malpica», polo menos na comarca. Curiosamente, este foi o modelo que tamén se seguiu no construído hai poucos anos en Seixas. Consta este modelo pentagonal malpicán de tres partes: base, corpo central con nicho para unha imaxe devocional e para o peto, e frontón triangular superior coroado por unha cruz; neste frontón, con maior ou menor habilidade por parte do canteiro, é onde se concentran as inscricións. O exemplar pontecesán de Tella, no lugar tamén chamado O Oratorio, non responde precisamente a este modelo, ao que si se achega, con matices, o da parroquia carballesa de San Breixo de Oza.

Historias que contar

Que non permanezan máis tempo mudas estas pedras faladoras. Que nos conten a súa pequena historia: a nosa espiritualidade popular e as súas terribles advertencias para o outro mundo, e os nomes dos que as pagaron e dos que se humillaron ante elas para, temerosos do Alén, depositar unha esmoliña en axuda das benditas almas do purgatorio.