«Non estaba contento no meu traballo e decidín emprender»

La Voz CARBALLO / LA VOZ

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Ana Garcia

Ricardo Santos Ramos Varadoiro do porto de MalpicaA súa empresa cubriu un nicho de negocio sen explotar

18 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde febreiro de 2013, hai xa cinco anos, o laxense Ricardo Santos xestiona un servizo básico no porto de Malpica e presta servizo a moitos outros da provincia.

-¿En que consiste o seu proxecto?

- Este é un servizo de varadoiro para mantemento e reparación de embarcacións de Malpica, pero traballamos en todos os portos en barcos a flote e ata aquí tamén veñen de Cariño, Sada, A Coruña, Cedeira, Laxe, Corme, Camariñas, Muxía, Fisterra,… Xestionamos o travelift, dispoñemos dunha nave para reparación das embarcacións a cuberto e reformamos un pequeno local no porto no que subministramos efectos navais.

-A pesar da importancia do sector do mar na comarca, ¿este era un negocio sen explotar?

-Aquí en Malpica, a nave e as máquinas estaban paradas desde había oito anos. Eu non estaba contento no meu traballo e, posto que os estaleiros da Costa da Morte ían a menos, decidín comezar a miña andadura como empresario. Foi cando presentei o proxecto no GALP Costa da Morte.

-¿Tiña relación co sector?

- Si, traballei nos estaleiros de aquí de Cabana de Bergantiños e de Ferrol, no sector dos barcos.

-¿Como coñeceron as axudas ao GALP Costa da Morte? ¿Por que se animaron a solicitalas?

-A través da radio. Despois fixemos a consulta en Buño e, a verdade, é que nos trataron moi ben. Toda a información que nos deron foi útil. Tiñamos o plan de empresa redactado e, naquel momento, como non había ningunha axuda relacionada co sector, optamos por esta subvención.

-¿Foi un proceso difícil?

-Non, para nada. Foi o trámite máis simple e con menos dificultades de todos os que fixemos á hora de crear a sociedade. É algo que tamén tes que facer se queres ir a unha entidade bancaria, por exemplo.

-¿Cal foi a súa porcentaxe da axuda?

-Case a metade do custe total do proxecto, un 40%. 120.000 euros dos 250.000 do total.

-¿Recomendaría a outros emprendedores solicitar estas axudas?

-Si. Non teño moita experiencia neste sentido porque nunca solicitei outras axudas, pero a experiencia co GALP é boa. Danche un empurrón cando comezas e facilítanche moito os trámites administrativos. Axúdanche, ademais, a desenvolver o plan dunha soa vez, sen ter falta de esperar a ter cartos e ir aos poucos.

? Contactar co Galp Costa da Morte no Edificio Centro Comarcal de Buño (Malpica de Bergantiños), chamar ao 981 707 378; ou escribir a info.gac3@accioncosteira.es.