Antonio e Diego de Pernes, franciscanos de Leiloio

Juan félix neira pérez

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Case nada queda da única casa fidalga que houbo nesta parroquia malpicá, no lugariño de Pernes

17 feb 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Mentres ata cinco casas fidalgas de Cerqueda se manteñen en pé e catro delas habitadas, case nada queda da única que houbo na veciña parroquia malpicá de Santa María de Leiloio, no lugariño de Pernes. Era propiedade da familia de don Manuel Varela de Limia, intelectual malpicán que fora brigadier do corpo de enxeñeiros e chegara a ministro. A súa vivenda no centro de Malpica, o pazo do vizconde de San Alberto, era coñecida pola veciñanza como a cerca dos Limia. Non obstante, o morgado da casa de Pernes correspondía a seu irmán José quen, como bo propietario rendeiro e por tanto absentista, residía en Santiago coa súa dona, oito fillos e ata tres criadas, por suposto nas rúas nas que vivía a elite social (Vilar, Franco, Toural), segundo consta no padrón parroquial de San Andrés Apóstolo.

Na listaxe de fregueses que pagaban rendas á igrexa de Leiloio en 1861, enténdese que apareza no primeiro lugar este «don José Varela y Limia, vecino de la ciudad de Santiago y dueño de la casa de Pernes, paga anualmente siete ferrados de trigo por bienes que disfruta». Escusamos dicir que os propietarios destes bens de Pernes formaron parte da arañeira de parentescos con outras familias fidalgas de Bergantiños: Cambón, Varela, Vuitureira, Feijoo ou Añón.

Casa de Pernes

Antonio Nieto Velo, Tucho, propietario da vivenda moderna que substituíu á casa fidalga, cóntanos que seu bisavó mercara as propiedades de Pernes e despois se fixeran partillas. Afable e expansivo, recorda recias paredes de perpiaño, inscrición e capela. Mais a memoria é sempre persoal é selectiva: seu irmán José, mestre xubilado de Buño, non concorda coa cualificación de pazo para o que, segundo el, era unha casa rica sen máis, e de feito afirma rotundo -a diferenza do seu irmán- que non había escudo, pero si unha «graneira» onde se pagaban as rendas cunha inscrición no lintel e unha capela, xa pura ruína cando el naceu nunha casa contigua, hai 83 anos: nada había nesa capela, nin retablos, nin imaxes, nin sequera tellado. Tampouco era de cantaría o aparello dos muros das construcións devanditas, senón de cachotaría. Mágoa non poder verificar estes datos cunha imaxe! «Quen tiña unha fotografía daquela?», pregunta José, escéptico. Confirma, iso si, que seu bisavó José Montáns Bardanca mercara as propiedades aos Limias no 1905 pola respectable cantidade de 19.500 pesetas.

Inscrición fundacional

Unhas poucas pedras de boa cantaría da entrada ao recinto e o cabazo aínda se conservan. Tucho amosa con seguridade absoluta o lugar onde se alzaba a capela. Baixo unha árbore, sobre unha moa de muíño, un pináculo que, segundo el, tamén era da capela; ornato barroco sen dúbida, demasiado grande para unha capela e non tanto para a típica porta duns bos muros. Non fica nada máis xa dese anaco de historia de Leiloio? Case todo é escombro sobre o que se levantou a vivenda actual -confesa un pouco arrepentido Tucho-, pero algo deben de ter as pedras sulcadas por letras como para salvárense ás veces da destrución: no xardín, o lintel dunha porta con inscrición serve como asento.

A erosión do campo epigráfico non permite unha lectura doada do lintel, gravado con caracteres torpes e deficientes, pero si sabemos que a obra foi edificada ou reformada en 1750 por Antonio Varela, pai do Diego Varela da Vuitureira mencionado despois. Comenta Tucho que esta pedra «estaba na porta do retrete e que se lía desde dentro del», feito que, de ser certo, respondería a algunha reforma posterior. Por fortuna, a documentación escrita conserva moitas veces o que a memoria dos homes non pode gardar. No Arquivo Histórico Diocesano de Santiago, na visita pastoral dos anos 1791-1792, lemos que a capela, fundada en 1653, se atopaba nun estado mellorable: «Reconociose otra capilla consistente en términos de esta parroquia, advocación de san Antonio y de que es dueño don Diego Buitureira; hállase parte de ella por fayar [sen faiado], lo que se mandó ejecutar ya en la visita del año pasado de mil sietecientos sesenta y cinco, sin que se hubiese cumplido: i ntimose al mismo patrono en esta lo verificase prontamente, y en caso de más omisión el cura previniese a los sacerdotes no celebrasen misa en ella».

Santos da capela

Que se conserven algunhas pedras parlantes do noso patrimonio perdido parece sempre un amargo premio de consolación. O que non agardabamos é a grata sorpresa de poder mirar aos ollos aos vellos inquilinos franciscanos da capela de Pernes, sobre todo ao patrón desta, un santo Antonio de Padua toco das dúas mans, duns 50 centímetros de alto e en estado precario, que Tucho accede a amosar: nunha man levaría o lirio e noutra o Neno Xesús, tamén conservado.

A feitura de ambas tallas remite ao barroco típico do século XVIII

É probable que o feito de ser un Antonio o promotor da construción, como reza no lintel, explique a advocación ao santo de Padua. Pero o máis sorprendente é que na vivenda veciña, antano parte das posesións da casa de Pernes, vive o tamén franciscano san Diego de Alcalá que pertenceu á capela. O seu dono, José Antonio Novo, acepta gustoso que lle dea un pouco o aire á talla, de 70 centímetros de altura e mellor aspecto. Porta o santo na man o seu atributo: unhas flores relacionadas cun milagre. Tan xenerosa era a súa caridade cos pobres no reparto de esmola ás portas do convento, que un día os seus superiores quixeron reprender a Diego ao ver que levaba algo oculto no hábito: foi en van, pois os pans se converteran milagrosamente en rosas.

San Diego

Se Antonio de Padua ou Lisboa ocupa un posto de honra entre os santos máis venerados da cristiandade, san Diego é unha devoción infrecuente en xeral e na Costa da Morte en particular, mais aquí en Pernes ten a súa explicación por ser o santo patrón do que foi no seu tempo un dos propietarios, o Diego Buitureira antes citado. A feitura de ambas tallas, mediocre, remite ao barroco típico do século XVIII. Non descarta Tucho que nalgunha outra casa da parroquia poida haber algunha imaxe máis da capela, tal foi a dispersión destes bens patrimoniais.

A súa fráxil existencia de madeira, comesta en parte pola couza, reconfórtanos da perda de todo o demais.

Fronte á natureza trascendente deses entes inalcanzables que son Deus e a Virxe -disque existen-, santo Antonio e san Diego, como os de carne e óso, tamén son e sen dúbida existen. Na súa presenza doméstica, forman parte da familia. Eran da casa de Pernes e, milagre, seguen a selo cando xa nin a casa existe.