«Un grande axitador cultural» no Colón

La Voz

MALPICA DE BERGANTIÑOS

cedida

A Deputación lembrou ao malpicán Paco Souto nun acto no que se deron cita a poesía, as artes plásticas e a música

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Paco Souto morreu o 30 de marzo cando ía aos percebes na costa da Razo. O sábado, no teatro Colón de A Coruña, o artista e político fíxose de novo presente a través da moitísima xente que o quería e o seguía. Así foi como o espírito deste «grande axitador cultural», como o definiu Rosalía Fernández Rial, fixo que a poesía, as artes plástica e a música se reuniran para que non se esqueza o seu legado.

A área de Cultura da Deputación foi a organizadora de Atesourando a palabra, que abriron a vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, e a viúva de Paco Souto, Enma Abella, nun teatro completamente cheo. A condutora do acto foi Rosalía Fernández. As tres mulleres destacaron a xenerosidade do malpicán nacido na Coruña en 1962 que impulsou o concurso de poesía erótica Illas Sisargas, no que participan creadores de toda Galicia.

Participantes

No acto de A Coruña participaron representantes da poesía galega como Miguel Mato Fondo, Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Lino Braxe, María Xosé Fernández ou Paco de Tano, ademais de artistas como Viki Rivadulla, Peter Kramer, Peter Schneider, Mon Lendoiro, Chiña ou Abraham Vila, además de músicos como Aída Saco, que tocou o piano, Serxio Moreira ou Fran Barcia, de Samarúas, ademais de persoeiros do eido audiovisual como Xosé Bocixa.

O acto desenvolveuse arredor da figura poliédrica de Paco Souto, destacando os aspectos creativos e culturais, pero sen esquecer os da amizade, a familia e o amor polo mar. Todos tiñan cousas que dicir e que lembrar de Paco Souto, que vén de ser homenaxeado tamén en Malpica nunha serie de actos centrados no seu recordo.