A caza da balea en Malpica

xurxo alfeirán chouciño

MALPICA DE BERGANTIÑOS

CEDIDA POR XURXO ALFEIRÁN

Entre os séculos XVI e XVII, os barcos malpicáns foron suplantando aos foráneos na actividade baleeira

25 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

En tempos, os fortes homes de Malpica cazaban a balea por lonxanos mares: é o texto do cadro da balea da Casa do Pescador que, en torsión bailarina, posa ante o pintor Lugrís.

Investigadores e escritores, como Felipe Valdés Hansen en Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX) profundizan na actividade baleeira dos galegos -entre eles os malpicáns- e a influencia que nela tiveron os mareantes cantábricos.

En épocas pasadas, os grandes mamíferos acuáticos migraban en ida e volta polo litoral galego desde as zonas frías do Atlántico Norte, onde se alimentaban de kril e plancton, ata as áreas máis cálidas do Atlántico Africano para se reproduciren entre novembro e febreiro, meses das costeiras baleeiras galegas que, segundo o Licenciado Molina, en Malpica empezaban o 1 de novembro (Todos os Santos) e acababan o 12 de marzo (san Gregorio).

Os primeiros baleeiros en Galicia, documentados a partir do século XIII, foron os vasco-franceses, seguidos dos cántabros, guipuscoanos e astures, que viñan dos portos de orixe con toda a armazón e persoal necesarios para as costeiras. Cara mediados do século XVI, foron incorporando a galegos en postos secundarios.

A finais do XVI e durante o XVII, os galegos suplantarán aos foráneos na actividade baleeira, entre outras razóns porque decae a pesca das especies tradicionais na documentada primeira crise pesqueira galega, anos 1526 e 1537.

Metidos de cheo en Malpica, e ante a falla de documentos, interpretamos como lugares de avistamento do paso de baleas A Vixía do Monte de Beo, O Talieiro da Illa Malante e A Atalaia de Malpica, por seren topónimos que subsisten de lugares altos na costa desde onde o talieiro avisaría aos mareantes con sinais acústicas e fume de fogueiras.

A de Groenlandia, o Xibarte, o Cabrote e especialmente a balea Franca eran as que pasaban a dúas ou tres millas das Sisargas que, acompañadas das crías, resultaban presa fácil dos mareantes. En chalupas -en número de catro a dez- con espaldeiro a popa, arpoeiro a proa, izada a vela ou seis remeiros segundo o tempo, saían dos seus coídos ao encontro da presa. Silandeiros preto dela, os arpoeiros feríana de morte, iniciando esta unha fuxida alocada e sangrante seguida das embarcacións a ela suxeitas polas arpoeiras.

En fila india as chalupas, atadas por unha estacha á cola da balea morta, arrastraban a remo ou a vela o corpo flotante do cetáceo ata a ribeira malpicá. Con marea chea era depositada sobre unha rampla para ser desguazada.

Ningún documento concreta o lugar de desguace. Sospeitamos dous e en momentos diferentes. Un primeiro, usado polos mareantes foráneos (séculos XIII-XVI), sería a Rampla da Ribeira (solar hoxe da Casa do Pescador) como único posible porque sabemos que pagaban un imposto polo uso do porto e as actividades derivadas. As casas lindantes (actuais restaurante O Burato ou bar Xemevedes) serían os casetos de albergue, garda de apeiros e derrite de graxa.

Outro e posterior (séculos XVI-XVII) -segundo fontes orais-, usado polos mareantes malpicáns, a Area Maior, no rueiro da fábrica que foi de Modesto Ordóñez. E o derrite da graxa realizábana nunha finca da rúa dos Agros, traxeira á casa de María Elena Novo, que conservou moitos anos ósos nas paredes e vértebras de tallos.

A carne rexeitábana salvo que fora de baleato. Apreciaban a graxa que, derretida, convertían en saín (saíl en Malpica), un aceite para alumado doméstico e público, para tratar as peles e elaborar xabrón. Coas barbas facían peinetas, varillas de abanos, mangos de bastóns e paraugas, adornos de roupas relixiosas e alta costura. Derretían as aletas para sacar saíl, e da parte dura facían loros e ladrizos dos xugos das vacas, e encedoiros de mallar o trigo.

Dos cachalotes aproveitaban ademais o ámbar, un producto caro que alongaba a fragancia dos perfumes.

As vísceras e os ósos miúdos eran tirados á ribeira; os grandes eran utilizados na construcción de casas e para uso doméstico.

A actividade baleeira precisaba dun rico armador por ser cara. Os foráneos alugaban casetos para garda de apeiros, derrite da graxa e vivenda de mareantes; alimentos para estes, sal para a carne e leña para o saíl; ademáis das chalupas e o armazón necesarios.

Os impostos eran abusivos. Como señor xurisdicional de Malpica, ao arcebispo de Santiago pagaban o arrendamento do porto e a renda das baleas. Ao rei, o diezmo do mar polas barricas de saíl vendidas. E ao cura da parroquia, o Imposto a Deus, que era outro diezmo da pesca. Hai documentación das moitas queixas por estes tributos, non sempre satisfeitos polos mareantes. A maiores, os arpoeiros daban esmolas á igrexa parroquial en ofrenda.

Sufragados os gastos, repartían as ganancias: un terzo para o armador, un terzo para os alimentos e un terzo a partes iguais entre os mareantes. Os arpoeiros levaban en privilexio a lingua da balea, que daba un saíl máis refinado.

O oficio de arpoeiro era o máis pagado e prestixioso por precisar experiencia e pericia. Moitos chegaron ao estatus de custear as costeiras. Mesmo desempeñaron o oficio de procuradores da vila, un cargo equivalente aos actuais alcaldes. Está documentada con once membros a saga dos Suárez como arpoeiros de Malpica.

A sobrecaza e o quecemento das augas foron os causantes da desaparición dos cetáceos por estes lares. No 1961, como caso raro, a embarcación O Piñeiro de Malpica encontrou moribunda a balea da foto. Os irmáns Suárez, Os Indalecios, derretéronlle a graxa para facer saíl. E, curiosidades da vida, quen lles ía dicir que, trescentos anos atrás, uns antepasados directos deles foran a estirpe máis numerosa dos arpoeiros de Malpica, circunstancia esta da que eran descoñecedores.